O CENTENARIO DA FONTE DA PONTELLA



Estamos celebrando os cen anos da construcción da fonte da
Pontella. Sabemos que non se trata da fonte máis vella de
Esteiro. Probablemente se trate dunha das fontes máis novas
da parroquia. Polo título de fonte máis antiga teñen que loitar
as outras fontes: a do ferrollo, a lamuda, a da chouza, a do
pozo de fontenla, a do barreiro, a da mexadoira, da mixirica, a
de fontecoba, a de fontedortas, a da marta, a do canle de
solleiros, a de reboredo, a de uhía, a do catalán na ribeira,
etc… Tampouco se trata dunha fonte lexendaria como a “de
arriba” na que se xuntaban as meigas nas noites das «areas
gordas» a lavar, peitearse e esquillar aos curiosos.
Pero, a da pontella, é a fonte máis singular de Esteiro.
Trátase dunha fonte bonita e moderna. Feita a principios do
século pasado, con unha fasquía de construcción vilega. A
súa base octogonal e a adornada columna central fan pensar
na imaxe típica da praza dunha vila galega. Foi unha construcción
ambiciosa para o tempo e o lugar no que foi feita. E sobre a
que contan que xurdiu a lenda de que agacha un auténtico
tesouro.
A fonte foi feita no outono do ano 1911, pola cuadrilla do
mestre canteiro “do neto de Reboredo”. Fíxose a instancias
de varios veciños do lugar do Maio. Que un ano antes
presentaran unha solicitude no concello de Muros. A súa
construcción foi unha das primeiras decisións que tomaría
como alcalde, D.José Romaní Ferrer. Un home que era a
terceira xeración daqueles cataláns que a principios do século
XIX emigraran a Esteiro na percura de sardiñas para a
salazón. Este alcalde de Muros era neto de José Romani i
Ytllas e de Rosa Cruz i Roca. Matrimonio que procedente de
Blanes na provincia de Girona foi o alicerce da familia dos
Romanís esteiráns.
Gracias ao arquivo municipal de Muros, podemos saber hoxe
o coste total da obra que foi de mil cincocentas setenta e
unha pesetas. E tamén que se necesitou a autorización de
Manuela Montes Núñez para pasar a tubería que conduce a
auga dende o manantial ata a ubicación da fonte á beira do
camiño.
Co tempo, a fonte, converteuse no principal espazo cívico e de
reunión do lugar do Maio. Antes da existencia de auga
corrente nas vivendas era o punto de encontro das mulleres
do lugar que ían á fonte para encher as súas caldeiras. E
máis modernamente, a pontella pasou a ser o lugar de
reunión da mocedade para ver pasar os seráns no tempo do
verán.
A fonte da Pontella viviu un destacado episodio no tramo final
da dictadura franquista. Cando o alcalde de Muros daquel
tempo dispuxo o seu “traslado” e a construcción dunha
especie de alxive no lugar. Os veciños xuntáronse para
desmontar esta maniobra e mesmo tiveron que enfrontarse
aos obreiros municipais. Impedindo o seu traballo e
desfacéndolle o choio feito. Este épico episodio chegaría á
xustiza. Tendo que ir moitos encausados a declarar diante
das autoridades da época. Protagonizando, principalmente as
mulleres do Maio, un exemplo de solidariedade entre veciños
por non identificar ninguén aos autores dos feitos. Esta
decidida oposición veciñal conseguiría ablandar ás
autoridades municipais moi deslexitimadas socialmente no
tramo final da dictadura. E a fonte da pontella non se
movería do lugar do Maio. Ao contrario do que lle pasou a
outros monumentos. Como a fonte que había na praza da
casa consistorial en Muros.
Se cadra por algún destes motivos, a fonte da pontella,
constitúe un auténtico sinal de identidade para o vecindario
do Maio. E ao final vai resultar verdade que agacha na súa
base un tesouro. O tesouro da solidariedade entre as persoas.
Solidariedade que fixo posible que os veciños defenderan o
patrimonio comunal. E para que nos dea agora por xuntarnos
e celebrar centenario da súa construcción.
O lugariño do Maio,
luce con moito esplendor.
Coa fonte da pontella,
e un ciclón gañador.

AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DO 22/05/2011 EN MUROS

O PSOE resultou o gañador das eleccións municipais do 2011 no concello de Muros acadando 2282 votos. Que supoñen o 41% do electorado. O que significa que vai ter 6 concelleiros na vindeira corporación. Practicamente igualando os números conseguidos no ano 2007. En comparación con este ano, o PSOE logra aumentar os seus apoios en Muros, Torea e Tal. Baixando significativamente en Esteiro.
Os socialistas consolidaron a súa victoria electoral nas parroquias de Serres e Muros nas que conseguiron máis do 50% dos votos emitidos. Supoñendo tamén estes votos máis da metade dos que lograron en todo o concello. Nas outras parroquias o PSOE acada en todas elas máis de un de cada tres dos votos emitidos salvo en Esteiro donde quedou en último lugar conseguindo o 20% do electorado.

O PP logrou catro concelleiros con 1762 votos. Cáseque o 32 % do electorado. Subindo un concelleiro na nova corporación. E mellorando en máis de seis puntos as porcentaxes acadadas en 2007. Subindo o número de apoios en todas as parroquias salvo en Tal.
Para os populares as parroquias máis favorables son Louro e Esteiro. Donde conseguen gañar cadansúa mesa e melloran sensiblemente a súa porcentaxe total do concello ata superar o 35% dos votos. Pola contra en Tal, o PP queda no 24% dos votos emitidos.

O BNG consigue tres concelleiros con 1508 votos. Aproximadamente o 27% do electorado. Perdendo un concelleiro e tres puntos porcentuais con respecto ás eleccións de 2007. Baixando o número de apoios en todas as parroquias menos en Esteiro e Tal.
O resultado do BNG resulta especialmente significativo nestas parroquias. Acadando cáseque o 44% en Esteiro, o 38% en Tal e na Abelleira o 36%. Supoñendo os votos destas tres parroquias máis do 50% dos votos nacionalistas. Mentras que nas parroquias de Muros, Serres e Torea o BNG non logra superar a barreira do 20% do electorado.

PRESENTACIÓN DO LIBRO "ACTIVIDAD ECONÓMICA MURADANA" DE DOMIN GUERRA


UNHA HONRA E UN PLACER

Para mín estar hoxe aquí neste acto supónme un doble sentimento de honra e de placer. Por unha banda significa unha honra que pensaran en mín para presentar o libro de un muradán exemplar como é o amigo Domin. Ocórrenseme varias persoas máis cualificadas que mín para estar sentadas nesta mesa. É polo tanto un motivo de satisfación persoal estar nesta presentación dun libro sobre Muros, sobre o meu concello.

Pero para mín tamén este acto tamén significa un placer. Supónme unha enorme alegría estar aquí compartindo mesa con uns bos amigos. Quixera mencionar especialmente a Domin que foi un magnífico compañeiro cando eu empezaba a traballar nas oficinas municipais de Muros. Recordarei sempre aquel tempo que compartimos antes de que el conseguira o seu posto de traballo no Consello de Contas en Santiago. A min impresionoume a súa profesionalidade e o tesón co que compaxinaba o traballo cos seus estudios de economía na universidade de Santiago. Tiven a sorte de coñecer a súa familia e iniciamos unha amistade que perdura e da que me sinto moi orgulloso. Polo tanto para mín tamén é un placer estar aquí rodeado destes bos amigos.

O libro que hoxe presentamos penso que é unha valiosa ferramenta para entender o concello de Muros. Trátase dunha obra que ten a virtude de explicar, de axudar a entender as cousas. E para entender ben as cousas non hai nada que axude máis que unha sinxela e clara exposición.

Porque os estudios económicos non resultan moi sinxelos de entender. A economía non é unha ciencia unicamente deductiva como son as matemáticas. Nas que partindo duns postulados establecidos a priori vanse deducindo as consecuencias deses postulados. E tampouco pode ser unha ciencia puramente inductiva. Non se pode limitar a inferir hipóteses a partir dos feitos. Os estudios económicos teñen que conxugar as dúas, a deducción e a inducción. Pero ademais as teorías económicas precisan da contrastación. As teorías económicas teñen que superar a proba dos feitos. Porque ao cabo son os feitos os que van a confirmar ou rexeitar estas teorías.

A economía para os profanos ás veces parécese a un desfile de enigmas, de problemas e de dificiles dilemas. Sen embargo hai conceptos que resultan fundamentais non solo para os estudiosos senón que están presentes para toda a sociedade. Conceptos como a escasez, a eficiencia, as ganancias derivadas da especialización ou o principio da vantaxe comparativa en Microeconomía. Ou os conceptos de oferta e demanda agregadas en Macroeconomía. Son conceptos que non nos resultan estraños e dos que escoitamos falar diariamente nos medios de comunicación.

Como todos os científicos os economistas din que se estudia a súa ciencia para comprender o mundo que nos rodea. Pero a economía ten outra virtude, tamén axuda a deseñar as políticas económicas dos estados. Basándose nunha serie de principios e de teorías, co obxectivo de mellorar o nivel de vida da poboación do país e do resto do mundo.

Para os que non somos expertos nesta materia a clave consiste consiste en presentar a economía dun xeito claro e sinxelo. Cando nos dispoñamos a abrir este libro, cada un de nós temos uns coñecementos diferentes e con ideas preconcebidas de cómo se desenvolve a actividade económica neste concello. Penso que o papel que persigue o escritor con esta obra non é tanto mudar valores do lector como axudarlle a comprender certos principios económicos que son imperedeceiros. Para ser capaces despois de aplicalos e facer de Muros un lugar mellor para eles, para as súas familias e para toda a comunidade.

Gracias.

A presentación deste libro foi na Casa da Cultura de Muros o pasado sábado 6 de marzo. Na mesa acompañando a Domingo Antonio Guerra París, estivemos Manuel Martínez Caamaño, Predo Martínez Formoso e máis eu.

AS CORES DA ESTEIRANA


















Nunha primeira impresión parece que as cores azulgrana da vestimenta do equipo de fútbol de Esteiro, coñecido como a Esteirana, poderían deberse a unha certa preferencia por parte dos siareiros da parroquia polo equipo catalán.


Se ben é certo que hai un numeroso grupo de xente que alenta polo FC Barcelona. E que reunidos ao carón de Tabota no bar Local da Esteirana, disfrutan coa práctica do fútbol alegre e combinativo do que fai gala o clube barcelonés. A verdade é que a orixe das camisetas con raias verticais azuis e vermellas do equipo de fútbol de Esteiro está na outra beira do océano atlántico.

A práctica do fútbol chegaría a Esteiro a principios do século XX. Ao igual que en moitos portos da costa galega, da mán dos operarios das fábricas de conservas. En 1915 a familia vasca Legarda instalou en Esteiro unha fábrica de conserva de peixe. E foron os traballores desta nova industria os primeiros que implantaron en Esteiro a moda de xogar ao balón na praia do Artón.

Andado o tempo sería a Protección Social Esteirana, unha entidade concebida como mutualista agraria e que se convertiría en pouco tempo no auténtico motor da parroquia, a asociación que creou o equipo de fútbol de Esteiro. No albor da segunda república española foron os veciños emigrados en Bos Aires os que enviaron a Galiza unha equipación completa coa que ía xogar o equipo de fútbol de Esteiro. Tratábase da equipación azul e vermella coa que xogaba o clube atlético San Lorenzo de Almagro, fundado a primeiros do século nun barrio de Bos Aires. O barrio bonaerense de Boedo era coñecido por ser unha terra políticamente incorrecta na que vivían moitos anarquistas, entre os que había esteiráns. Neste barrio humilde de Bos Aires, o crego Lorenzo Mazza conseguíralles en 1908 a un grupo de rapaces os terreos que precisaban para xogar ao fútbol.

Parece ser que foi deste xeito como os mozos de Esteiro empezaron a lucir as cores azulgrana por toda a ría e por moitos outros portos de Galiza. Este feito foime confirmado dos dous grandes afeccionados ao fútbol. Polo señor Vidal da Ribeira de Creo, con quen compartín admiración polo Celta. E por Juanito Romaní, cando por fin voltou a Esteiro logo do seu truculento exilio americano de máis de corenta anos. Asegún me transmitiu tamén o señor Torea de Uhía, e mesmo aparece publicado no libro de Manuel Torres Fernández sobre o fútbol en Esteiro, a sociedade Esteirana formaría un equipo de rapaces que competiría co nome de Infantíl Esteirana e luciría unhas camisetas feitas coas teas dos sacos de fariña do economato existente no seo da Protección Social Esteirana.

Moi probablemente sería este recordo dos tempos pasados. A lembranza dunha "sociedade" Esteirana moi presente na memoria prohibida dos esteiráns. O que animaría no tardofranquismo aos daquela directivos do clube para federar un equipo co nome de Esteirana. E que xogase ao fútbol vestindo unha camiseta con raias verticais azuis e vermellas.

Estas notas solo son algúns dos moitos alicerces do futbol en Esteiro. No que como poidemos comprobar tivo moita influencia o fútbol arxentino. E non solo na creación da Sociedade Deportiva Esteirana. Mesmo no campionato de fútbol local da parroquia, o equipo do lugar do Maio adoptaría o nome de Ciclóns. Moi probablemente nun recordo tamén do clube arxentino San Lorenzo de Almagro, que tanta inlfuencia tivera no fútbol esteirán. E ben sabido que o clube San Lorenzo de Almagro coñécese popularmente polo ciclón.
“Señores...yo soy de un barrio....barrio....de corazón... señores...yo soy de BOEDO....y soy hincha del CICLON..."

Galaxia publicará a novela inédita de Xosé Tobío Maio


Felizmente parece que vai sair a rúa no vindeiro mes de setembro a novela inédita titulada “O frade das dúas almas” de Xosé Tobío Maio “Conroa”. Gracias a perseverancia de Victor Campio Pereira a editorial Galaxia decidiuse a publicar a novela do escritor esteirán. Unha novela que xa estivera a piques de saír en 1936 co título de “Padre Hilarión”, pero que tivo que quedar no prelo da imprenta Nós de Santiago do lembrado Anxel Casal e que se acabaría perdendo por causa do golpe de estado do xeneral Franco e a posterior guerra de España.

Xosé Tobío Maio “Conroa” naceu en Esteiro (Muros) o 8 de xaneiro 1891 no seo dunha familia labrega. Como moitos fillos das familias poderosas do rural galego estudiaría no Seminario de Santiago durante dez anos e remataría facéndose mestre de escola. Impartiría o seu maxisterio no centro de orientación marítima do Pósito de Pescadores de Esteiro dende finais da década dos anos vinte. Casou con María Jesús Sillero Sanvicente, tamén mestra que daba escola na parroquia de Lira no concello de Carnota.E tivo cinco fillos: José, Enriqueta, María, Luisa e Ricardo.
Por aquel tempo, Xosé Tobío Maio xa se convertera nun auténtico referente cultural. Tendo unha gran influencia en asociacións e en numeros actos que se celebraban en toda a comarca. Participou, por exemplo, en 1934 na famosa homenaxe que da man de Álvaro de las Casas se lle tributou en Outes ao poeta Añón. A este acto, Conroa levaría os seus rapaces da escola do pósito de pescadores de Esteiro. Tamén aínda hoxe son lembradas polos máis vellos do lugar as súas incisivas murgas satíricas cantadas polo tempo do carnaval “Moita festa compañeiros van a ter os de Negreira e nos como bos irmáns imos aló a carreira…”
Consciente co seu compromiso republicano participaría activamente no desenrolo e transformación da vella Protección Social Esteirana creada en 1915 pola teoría política agrarista. Neste caso, a evolución do asociacionismo agrario sería capitaneado por outro mestre, o socialista Francisco Rodríguez Suárez, pero este é tema para debullar noutra ocasión.

Xosé Tobío Maio foi un dos que en xullo de 1936 se embarcaron en Muros, xunto coas autoridades republicanas da comarca, a bordo dos bous Santa Eulalia e Santa Rosa rumbo a Bilbao coa finalidade de escapar da represión franquista e defender a causa republicana. Falouse que durante a guerra exerceu como profesor en Cabo Rosas, na provincia de Girona.
Rematada a guerra, Conroa pasará a Francia e ao igual que moitos exilados españois tivo que agardar nun campo de concentración de refuxiados a que un vapor os trasladase a illa de Santo Domingo. En novembro de 1939 viaxaría a Venezuela, donde subsistiu dando clases particulares e mesmo colocando cristais nos edificios en construcción. Posteriormente pasará por Panamá e Chile para recalar finalmente na Arxentina.
Gracias a uns carpinteiros de ribeira do Freixo (Outes) conseguiu un traballo de contable nun asteleiro. Será en Bos Aires donde funde xunto con Manuel García Gerpe e Manuel Varela Buján a folla “Crisol Gallego” que saía publicada no xornal Sábado. En 1941 publicará na editorial Celta o seu poemario Espiñas. A edición desta obra foi posible gracias a colaboración das sociedades galegas bonaerenses, entre as que tivo unha especial importancia a participación da asociación dos emigrantres procedentes do concello de Outes que xuntaron unha importante cantidade de diñeiro para axudar a pagar o coste da publicación. Durante toda a década dos corenta os exemplares do libro Espiñas foron chegando a Galicia agachados polos mariñeiros a bordo dos trasatlánticos que por aquela cruzaban o océano, ao tempo que medraba a sona de Conroa. Daquel escritor e mestre esteirán republicano que vivía de traballar nas oficinas dos asteleiros da boca rioplatense.

Axudado pola familia, en 1948 gracias a unha amnistía do goberno franquista, Xosé Tobío Maio volta a Galicia. Aínda que quedara en suspenso a súa praza de funcionario, Conroa non perdería a súa condición de mestre, xa que daría escola na súa casa da Grais a varias xeracións de esteiráns que o idolatraron. Estes mozos foron os principais divulgadores á nosa xeración das Espiñas de Conroa. E por eles tamén tivemos a sorte de coñecer que o escritor continuara escribindo e que fixera unha segunda parte de Espiñas. Tamén que a súa intención era agrupar todos os poemas escritos en galego nun volume que titularía tamén Espiñas e os escritos en castelán noutro chamado Campanadas.
Para recuperar o seu posto de mestre nacional tivo que soportar en 1955 un humillante xuízo de revisión por parte do réxime franquista. Con un prego de cargos que sonarían practicamente ridículos si non se tratara de xogar coa vida e o futuro das persoas. Xosé tobío Maio foi acusado de:
- Ser activo militante del Frente Popular y destacado organizador de sociedades marxistas en el lugar de su residencia inculcando, como es natural, estas doctrinas antiespañolas a los alumnos de la escuela que por entonces regentaba.
- Como consecuencia de su ideología y actividades izquierdistas extremas, de carácter público y notorio en propagandas y mítines, su vida social se desarrollaba al margen de la Iglesia Católlica y de todo deber religioso personal lo que constituía un mal ejemplo vivo y permanente para sus alumnos.
- Su ideología y personalidad dirigente y activa en las organizaciones de la extrema izquierda, la dejó plasmada de manera auténtica en la carta de fecha 27/11/1935 unida al expediente, dirigida a D.Manuel Guzman, diputado de la ORGA, fusilado en consejo de guerra y a D.Francisco Prego, activista al servicio de Casares Quiroga, y en la cual se consignan las siguientes frases alusivas a la represión sangrienta de los intentos y preparación por entonces del Glorioso Movimiento Nacional que luego sobrevino “…de común acuerdo operar con mano segura para que ciertas enfermedades no vuelvan a retoñar. Quedamos con moito afán por saber o resultado do parto…”
- Al advenir el Glorioso Alzamiento Nacional, como dirigente izquierdista de la villa, quiso oponerse al triunfo del ejército y al verse perdido huyó con dirección desconocida abandonando su destino.

Recupera a súa praza no Ministerio de Educación e imparte escola en San Xosé de Ribarteme (As Neves) entre os anos 1957 e 1960. Despois voltará a Esteiro donde coincidirá co tamén mestre Victor Campio Pereira. Durante toda a longa noite de pedra franquista foi coñecedor do mundo exterior a través dun potente aparato de radio que tiña agachado no faiado da súa casa da Grais, pola que escoitaba as novas do exilio español e mesmo da BBC coa que fixo algunha colaboración.

Xosé Tobío Maio faleceu en 1971, co dictador vivo e sen albiscar aínda a alborada democrática que viviría o estado español nos anos setenta.

Nesta etapa final da súa vida foi cando coñeceu a Victor Campio Pereira, un xoven profesor que chegaba a Esteiro e ao que Conroa lle encomendou o manuscrito da súa novela que quedara sen publicar en 1936 e que el refixera posteriormente. Pasados outros vinte anos, a principios dos anos noventa, o escritor Campio Pereira púxose en contacto coa sociedade Esteirana para intentar cumplir o compomiso adquirido co autor de publicar “…cando se poidera…” a novela “O frade das dúas almas”. Por aquela, nós andábamos embarcados no proxecto da revista a Motora dos Canedos e aínda que economicamente non éramos quen de sufragar nen a publicación da nosa revista a idea pareceunos fantástica. E mesmo creamos unha comisión que tiña a intención non solo de publicar esta novela, senón de poñer en valor toda a obra e a figura deste insigne escritor esteirán.
Neste eido, a tripulación da Motora, entre os que estaban os actores Xosé Manuel Olveira, Francisco Cernadas Veloso, Víctor Fábregas e un amplio grupo de xente capitaneada polo mestre Xosé Agrelo Hermo, non fomos quen de publicar esta novela. O noso esforzo acadou uns froitos moi cativos pois solo conseguimos múltiples copias das poesías e algunha fotografía de Conroa, uns artigos sobre o escritor de Victor Campio e do profesor Alonso Montero para a nosa revista. E a autorización da neta para que a asociación cultural Canedos poidera publicar a obra de Xosé Tobío Maio. Pero penso que o noso esforzo mereceu a pena e que serviu humildemente para que a xente non se esquencera do escritor e acolla agora con ilusión a publicación da novela inédita de Conroa.
Gracias e noraboa a Victor Campio Pereira e a Editorial Galaxia por cumplir este vella faena que supuxo a angueira de varias xeracións de esteiráns entre as que eu me inclúo.

AS ELECCIÓNS EUROPEAS DO 7 DE XUÑO DE 2009 NA COMARCA DE MUROS-NOIA

(Foto: X.R. Alvite - LVG 02/06/09)
Espacios públicos reservados para propaganda electoral no concello de Mazaricos


Estas eleccións europeas nas que a abstención foi superior ao 50 % supuxeron un aplastante triunfo do Partido Popular. Tanto no conxunto de Galiza, con máis 49 % dos votos emitidos, como na provincia da Coruña donde obtiveron cáseque o 51 % dos votos. Na comarca de Muros-Noia a victoria do centro-dereita resultou aínda máis clara que no resto do país. Ao igual que ocurrira nas pasadas eleccións de marzo o PP logrou conseguir máis de un de cada dous votos dos que se emitiron na nosa comarca. O Partido Popular obtivo máis do 54 % dos votos da comarca de Muros-Noia.

O PP consegue no concello de Mazaricos os seus mellores resultados, obtendo máis de dous de cada tres votos emitidos neste concello. A pesar de que Mazaricos solo representa aproximadamente o 8% do electorado da comarca. O PP foi quen de obter neste concello máis do 10% do conxunto dos votos que o PP consegue na comarca de Muros-Noia.

Os piores resultados do Partido Popular foron os do Porto do Son. Donde a pesar de obter máis do 47 % dos votos, neste concello os populares quedaron máis de seis puntos porcentuais por debaixo da media do Partido Popular na comarca.

O PSdG-PSOE obtivo o 30 % dos votos da comarca de Muros-Noia. Quedando tres puntos porcentuais por debaixo das porcentaxes socialistas na provincia da Coruña e no conxunto do país.

Os mellores resultados socialistas son os do concello do Porto do Son. Donde o PSdG-PSOE recibe máis de seis puntos porcentuais por enriba da media da comarca. Pola contra, no concello de Mazaricos o PSdG-PSOE apenas obtén un de cada cinco votos emitidos neste concello.

O BNG acada un discreto 11 % dos votos da comarca de Muros-Noia. Sen embargo estes malos resultados son mellores que os números conseguidos polos nacionalistas tanto na provincia da Coruña como no conxunto de Galiza. Xa que o BNG nestas eleccións non foi quen de superar o 10 % dos votos nin na provincia da Coruña, nin no conxunto de Galiza.

Os mellores resultados do BNG son os obtidos no concello de Muros con cerca do 15 % do electorado, tres puntos porcentuais por enriba da media comarcal e catro máis que a media do país. A pesar de que o concello de Muros representa o 18 % do electorado comarcal, os votos obtidos polo BNG en Muros supoñen o 23 % dos votos totais dos nacionalistas na comarca de Muros-Noia. No concello de Mazaricos, os números do BNG sitúanse por debaixo da media de votos obtidos polos nacionalistas tanto na provincia da Coruña como no conxunto de Galiza.

ver os resultados das eleccións (...)

QUÉ PASOU EN MUROS NO 2007?



Pero qué pasou en Muros…
Esta era a pregunta que me facían os meus amigos no verán do 2007. Sabedores do meu vello compromiso nacionalista e de esquerdas, vían en min a un defensor do acordo PSOE-BNG para o goberno dos concellos de Galiza. Ante a resposta dubitativa dun xa sabes como é a política local. Ou de que nos concellos sempre hai especificidades que condicionan todas as actuacións políticas. Incluso a apelación máis profunda de que o pacto para os concellos foi asinado na dirección correcta pero non tanto así no sentido adecuado. Que este tipo de acordos teñen que establecerse máis de abaixo arriba e non tanto de arriba cara abaixo, etc… Estas improvisadas argumentacións, eran respondidas polos meus amigos con un cómplice xa falaremos máis polo miúdo noutra ocasión que nos vexamos.

Todo esto foi agromando na necesidade de darlle unha explicación a consecución da alcaldía de Muros por parte de Domingos Dosil despois que recibir o apoio dos concelleiros do Partido Popular. Algo que fun aparcando por diversos motivos persoais pero que rexurde agora, en 2009, pola lectura dunhas declaracións de Xaquín Fernández Leiceaga. Un político ao que respeto profundamente e ao que lle unen lazos de amistade co meu irmán Xaquín.

O deputado socialista decía no xornal La Voz de Galicia (31/05/09): “…e temos dous lunares que nos gustaría resolver ben, que son os de Muros e Porto do Son. Deberíamos ter a alcaldía nestes concellos, pero por unha decisión incomprensible do que é o noso socio de goberno noutros sitios impediu chegar a alcaldía…”.

Eis, unha breve explicación para comprender o por qué en Muros pasou o que pasou, naquel verán de 2007.

Os resultados das eleccións municipais de maio de 2007 outorgáronlle ao PSdG-PSOE seis concelleiros, catro ao BNG e tres concelleiros ao PP. En ausencia de maiorías absolutas o novo goberno municipal debería sair dun acordo entre partidos ou da reedición dun novo goberno en minoría do PSdG-PSOE, como xa ocurrira no último tramo da anterior lexislatura.

Logo dunhas tímidas negociacións entre o PSdG-PSOE e o BNG; callaría un goberno municipal coaligado entre o BNG e o PP. Este acordo sería posible por varios factores:

1º. Axudaría a cultura política existente na cidadanía muradana. Maioritariamente non belixerante e acostumada a formación de gobernos municipais coaligados. Logo da experiencia de acordos en pasadas lexislaturas entre partidos ideoloxicamente moi distintos. Nos últimos doce anos xa houbera pactos de goberno entre PSOE-BNG, PSOE-PP e de novo PSOE-BNG.

2º. Tamén axudou a actitude do PSdG-PSOE, que confiando en acadar a maioría absoluta nos comicios electorais non propiciou o entendemento cos nacionalistas ata que xa se coñeceron publicamente a existencia de negociacións entre o BNG e o PP. Un posicionamento dos socialistas, se cadra, avalado polas súas espectativas electorais. Durante a campaña circulou unha enquisa financiada pola Mancomunidade Serra do Barbanza que mostraba a enorme satisfación do electorado co goberno muncipal de Caridad González e albiscaba unha maioritaria intención de voto para os socialistas.
No último tramo da lexislatura o PSdG-PSOE practicamente expulsara aos nacionalistas do goberno municipal. Unha ruptura do pacto de goberno entre socialistas e nacionalistas que se producía por segunda vez en dez anos. E que provocaría a desconfianza e o distanciamento entre os antigos socios. Que se presentarían ante o electorado anunciando a súa disposición a non reeditar ningún acordo de goberno na vindeira lexislatura. Aínda que no seo do PSdG-PSOE, e mesmo en certos sectores nacionalistas, confiaban en que os concelleiros do BNG finalmente apoiarían a investidura de Caridad González, mesmo sen entrar a formar parte do goberno municipal cos socialistas. Todo esto en virtude do acordo asinado para toda Galiza polas executivas do PSdG-PSOE e do BNG.

3º. Resultaría tamén beneficioso para o acordo a renovación feita no seo do Partido Popular. Os novos líderes conservadores interpretaban a súa estadía no goberno municipal como a mellor plataforma para consolidar o seu liderazgo no partido. E mesmo para recuperar un electorado propenso a apoiar nas eleccións municipais aos independentes do CDI. Un electorado que maioritariamente nestes últimos comicios se decidira pola candidatura de Caridad González.

4. Resultou asemade importante a decisión dos concelleiros nacionalistas, apoiada unanimemente pola súa asemblea local, de chegar a un acordo co PP, mesmo correndo o risco de resultar expulsados da propia organización política. Feito que finalmente non se chegaría a producir polo posterior desencontro entre nacionalistas e socialistas no seo da FEGAMP. Neste eido os concelleiros socialistas fixeron dende o principio unha presión importante a todos os niveis para lograr a caída do goberno de Domingos Dosil. Intentando deslexitimar o novo goberno, unha vez constituído, de forma sistemática e chegando incluso a movilizar a cidadanía en contra do goberno municipal. Esta estratexia de deslexitimación e belixerencia co goberno municipal continuou durante tempo e resultou amplificada por un medio de comunicación escrita moi favorable ás teses de Caridad González.

Penso que todos estes factores que conforman o que se pode chamar como as especiais circunstancias políticas do concello de Muros. Todo esto, xunto coa necesidade de dar entrada a aire fresco e dun goberno municipal autenticamente novo, máis transparente e respetuoso coa cidadanía. Estes foron probablemente os elementos fundamentais que máis propiciaron o acordo entre dous partidos políticos ideoloxicamente tan diverxentes como o BNG e o PP. As dúas organizacións políticas centráronse nun acordo de xestión municipal conservando os partidos unha total autonomía e liberdade nos seus posicionamentos políticos.

O amigo, Nicolás Maio, nova promesa do xornalismo, pediume unha breve colaboración miña nun traballo que está facendo sobre a vila de Muros. Espero que lle valese:

«MUROS: O ADORNO DO MAR.

A vila de Muros forma parte do mesmo corazón das rías galegas. En canto a beleza natural destas rías podemos recordar a súa orixe divina. Xa que, según conta a lenda, foron formadas polo mesmo creador que unha vez rematada a súa tarefa, quixo contemplar a súa obra e apoiando a man sobre a terra cos seus cinco dedos foi como Deus creou as rías baixas galegas.

A ría a que Muros pon o seu nome xurde ao abrazarse o río Tambre co océano Atlántico. Abarcando na súa bocana dende o espectacular Monte Louro polo norte ata o enigmático castro celta de Baroña polo sur. A vila de Muros sitúase no interior da ría, ao abrigo do cabo Rebordiño, conformando un porto natural dos máis bonitos de Galicia.

Muros constitúe un auténtico «adorno do mar». Esta é, moi posiblemente, unha das expresións máis acaídas para definir a Muros. Foi acuñada polo poeta local, Xosé Tobío Maio, no libro Espiñas que publicou durante o seu exilio arxentino en mil novecentos corenta e un.

Contemplando o escudo de Muros podemos facer un breve repaso pola súa longa historia. O león e o castelo constitúen o recordo da dependencia da vila aos soberanos de Castilla. Foi o rei Sancho IV el bravo o que en 1286 aprobou o real privilexio que outorgaba o alfoz de Muros para o territorio que se sitúa entre as desembocaduras dos ríos Xallas e Tambre. As vieiras refírense a dependencia da vila á mitra compostelana. Foi en 1298 cando Muros deixou de ser vila de realengo por donación do rei Fernando IV ao arzobispado de Santiago de Compostela. A carabela lembra a participación en 1487 dos navíos muradáns na conquista de Málaga. O engadido de moi humanitaria, ao de vila moi noble e moi leal, foi concedida polo rei Borbón logo do acollemento na vila aos naúfragos do buque Cardenal Cisneros en 1905.

O visitante a Muros poderá observar edificios e elementos de todos os estilos arquitectónicos simplemente con un pequeno recorrido polas rúas da vila. Sen ánimo de facer unha relación exhaustiva resulta de xustiza nomear expresamente a colexiata de Santa María do Campo e o santuario da Virxe do Camiño como as edificacións máis relevantes de Muros. Pero a vila de Muros conta con un extenso número de monumentos que o visitante descubrirá logo duns sinxelos paseos pola vila. En Muros pódese disfrutar dunha das máis típicas fachadas marítimas de Galicia. Xa que conta con un dos cascos históricos máis extensos e mellor conservados do país.

A tradición mariñeira da vila está perfectamente reflexada na súa fachada marítima ao longo de toda a antiga rúa do mar. Esta rúa sería renombrada nos primeiros anos da transición democrática como avenida Castelao, na honra do insigne galeguista. Se cadra nos políticos muradáns daquel tempo pesou algo a intención de desmontar un dito que durante moitos anos circulaba polos portos do litoral galego. O conto era que un grupo de mariñeiros que estaban xuntos no peirao comentaban o recente naufraxio dun pesqueiro e o rescate dos seus tripulantes. Cando se preguntaban pola procedencia dos naúfragos, do grupo salía un que contestaba: “eran todos galegos menos o patrón, que era de Muros”.»

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet