O CENTENARIO DA FONTE DA PONTELLA



Estamos celebrando os cen anos da construcción da fonte da
Pontella. Sabemos que non se trata da fonte máis vella de
Esteiro. Probablemente se trate dunha das fontes máis novas
da parroquia. Polo título de fonte máis antiga teñen que loitar
as outras fontes: a do ferrollo, a lamuda, a da chouza, a do
pozo de fontenla, a do barreiro, a da mexadoira, da mixirica, a
de fontecoba, a de fontedortas, a da marta, a do canle de
solleiros, a de reboredo, a de uhía, a do catalán na ribeira,
etc… Tampouco se trata dunha fonte lexendaria como a “de
arriba” na que se xuntaban as meigas nas noites das «areas
gordas» a lavar, peitearse e esquillar aos curiosos.
Pero, a da pontella, é a fonte máis singular de Esteiro.
Trátase dunha fonte bonita e moderna. Feita a principios do
século pasado, con unha fasquía de construcción vilega. A
súa base octogonal e a adornada columna central fan pensar
na imaxe típica da praza dunha vila galega. Foi unha construcción
ambiciosa para o tempo e o lugar no que foi feita. E sobre a
que contan que xurdiu a lenda de que agacha un auténtico
tesouro.
A fonte foi feita no outono do ano 1911, pola cuadrilla do
mestre canteiro “do neto de Reboredo”. Fíxose a instancias
de varios veciños do lugar do Maio. Que un ano antes
presentaran unha solicitude no concello de Muros. A súa
construcción foi unha das primeiras decisións que tomaría
como alcalde, D.José Romaní Ferrer. Un home que era a
terceira xeración daqueles cataláns que a principios do século
XIX emigraran a Esteiro na percura de sardiñas para a
salazón. Este alcalde de Muros era neto de José Romani i
Ytllas e de Rosa Cruz i Roca. Matrimonio que procedente de
Blanes na provincia de Girona foi o alicerce da familia dos
Romanís esteiráns.
Gracias ao arquivo municipal de Muros, podemos saber hoxe
o coste total da obra que foi de mil cincocentas setenta e
unha pesetas. E tamén que se necesitou a autorización de
Manuela Montes Núñez para pasar a tubería que conduce a
auga dende o manantial ata a ubicación da fonte á beira do
camiño.
Co tempo, a fonte, converteuse no principal espazo cívico e de
reunión do lugar do Maio. Antes da existencia de auga
corrente nas vivendas era o punto de encontro das mulleres
do lugar que ían á fonte para encher as súas caldeiras. E
máis modernamente, a pontella pasou a ser o lugar de
reunión da mocedade para ver pasar os seráns no tempo do
verán.
A fonte da Pontella viviu un destacado episodio no tramo final
da dictadura franquista. Cando o alcalde de Muros daquel
tempo dispuxo o seu “traslado” e a construcción dunha
especie de alxive no lugar. Os veciños xuntáronse para
desmontar esta maniobra e mesmo tiveron que enfrontarse
aos obreiros municipais. Impedindo o seu traballo e
desfacéndolle o choio feito. Este épico episodio chegaría á
xustiza. Tendo que ir moitos encausados a declarar diante
das autoridades da época. Protagonizando, principalmente as
mulleres do Maio, un exemplo de solidariedade entre veciños
por non identificar ninguén aos autores dos feitos. Esta
decidida oposición veciñal conseguiría ablandar ás
autoridades municipais moi deslexitimadas socialmente no
tramo final da dictadura. E a fonte da pontella non se
movería do lugar do Maio. Ao contrario do que lle pasou a
outros monumentos. Como a fonte que había na praza da
casa consistorial en Muros.
Se cadra por algún destes motivos, a fonte da pontella,
constitúe un auténtico sinal de identidade para o vecindario
do Maio. E ao final vai resultar verdade que agacha na súa
base un tesouro. O tesouro da solidariedade entre as persoas.
Solidariedade que fixo posible que os veciños defenderan o
patrimonio comunal. E para que nos dea agora por xuntarnos
e celebrar centenario da súa construcción.
O lugariño do Maio,
luce con moito esplendor.
Coa fonte da pontella,
e un ciclón gañador.

No hay comentarios:

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet