Galaxia publicará a novela inédita de Xosé Tobío Maio


Felizmente parece que vai sair a rúa no vindeiro mes de setembro a novela inédita titulada “O frade das dúas almas” de Xosé Tobío Maio “Conroa”. Gracias a perseverancia de Victor Campio Pereira a editorial Galaxia decidiuse a publicar a novela do escritor esteirán. Unha novela que xa estivera a piques de saír en 1936 co título de “Padre Hilarión”, pero que tivo que quedar no prelo da imprenta Nós de Santiago do lembrado Anxel Casal e que se acabaría perdendo por causa do golpe de estado do xeneral Franco e a posterior guerra de España.

Xosé Tobío Maio “Conroa” naceu en Esteiro (Muros) o 8 de xaneiro 1891 no seo dunha familia labrega. Como moitos fillos das familias poderosas do rural galego estudiaría no Seminario de Santiago durante dez anos e remataría facéndose mestre de escola. Impartiría o seu maxisterio no centro de orientación marítima do Pósito de Pescadores de Esteiro dende finais da década dos anos vinte. Casou con María Jesús Sillero Sanvicente, tamén mestra que daba escola na parroquia de Lira no concello de Carnota.E tivo cinco fillos: José, Enriqueta, María, Luisa e Ricardo.
Por aquel tempo, Xosé Tobío Maio xa se convertera nun auténtico referente cultural. Tendo unha gran influencia en asociacións e en numeros actos que se celebraban en toda a comarca. Participou, por exemplo, en 1934 na famosa homenaxe que da man de Álvaro de las Casas se lle tributou en Outes ao poeta Añón. A este acto, Conroa levaría os seus rapaces da escola do pósito de pescadores de Esteiro. Tamén aínda hoxe son lembradas polos máis vellos do lugar as súas incisivas murgas satíricas cantadas polo tempo do carnaval “Moita festa compañeiros van a ter os de Negreira e nos como bos irmáns imos aló a carreira…”
Consciente co seu compromiso republicano participaría activamente no desenrolo e transformación da vella Protección Social Esteirana creada en 1915 pola teoría política agrarista. Neste caso, a evolución do asociacionismo agrario sería capitaneado por outro mestre, o socialista Francisco Rodríguez Suárez, pero este é tema para debullar noutra ocasión.

Xosé Tobío Maio foi un dos que en xullo de 1936 se embarcaron en Muros, xunto coas autoridades republicanas da comarca, a bordo dos bous Santa Eulalia e Santa Rosa rumbo a Bilbao coa finalidade de escapar da represión franquista e defender a causa republicana. Falouse que durante a guerra exerceu como profesor en Cabo Rosas, na provincia de Girona.
Rematada a guerra, Conroa pasará a Francia e ao igual que moitos exilados españois tivo que agardar nun campo de concentración de refuxiados a que un vapor os trasladase a illa de Santo Domingo. En novembro de 1939 viaxaría a Venezuela, donde subsistiu dando clases particulares e mesmo colocando cristais nos edificios en construcción. Posteriormente pasará por Panamá e Chile para recalar finalmente na Arxentina.
Gracias a uns carpinteiros de ribeira do Freixo (Outes) conseguiu un traballo de contable nun asteleiro. Será en Bos Aires donde funde xunto con Manuel García Gerpe e Manuel Varela Buján a folla “Crisol Gallego” que saía publicada no xornal Sábado. En 1941 publicará na editorial Celta o seu poemario Espiñas. A edición desta obra foi posible gracias a colaboración das sociedades galegas bonaerenses, entre as que tivo unha especial importancia a participación da asociación dos emigrantres procedentes do concello de Outes que xuntaron unha importante cantidade de diñeiro para axudar a pagar o coste da publicación. Durante toda a década dos corenta os exemplares do libro Espiñas foron chegando a Galicia agachados polos mariñeiros a bordo dos trasatlánticos que por aquela cruzaban o océano, ao tempo que medraba a sona de Conroa. Daquel escritor e mestre esteirán republicano que vivía de traballar nas oficinas dos asteleiros da boca rioplatense.

Axudado pola familia, en 1948 gracias a unha amnistía do goberno franquista, Xosé Tobío Maio volta a Galicia. Aínda que quedara en suspenso a súa praza de funcionario, Conroa non perdería a súa condición de mestre, xa que daría escola na súa casa da Grais a varias xeracións de esteiráns que o idolatraron. Estes mozos foron os principais divulgadores á nosa xeración das Espiñas de Conroa. E por eles tamén tivemos a sorte de coñecer que o escritor continuara escribindo e que fixera unha segunda parte de Espiñas. Tamén que a súa intención era agrupar todos os poemas escritos en galego nun volume que titularía tamén Espiñas e os escritos en castelán noutro chamado Campanadas.
Para recuperar o seu posto de mestre nacional tivo que soportar en 1955 un humillante xuízo de revisión por parte do réxime franquista. Con un prego de cargos que sonarían practicamente ridículos si non se tratara de xogar coa vida e o futuro das persoas. Xosé tobío Maio foi acusado de:
- Ser activo militante del Frente Popular y destacado organizador de sociedades marxistas en el lugar de su residencia inculcando, como es natural, estas doctrinas antiespañolas a los alumnos de la escuela que por entonces regentaba.
- Como consecuencia de su ideología y actividades izquierdistas extremas, de carácter público y notorio en propagandas y mítines, su vida social se desarrollaba al margen de la Iglesia Católlica y de todo deber religioso personal lo que constituía un mal ejemplo vivo y permanente para sus alumnos.
- Su ideología y personalidad dirigente y activa en las organizaciones de la extrema izquierda, la dejó plasmada de manera auténtica en la carta de fecha 27/11/1935 unida al expediente, dirigida a D.Manuel Guzman, diputado de la ORGA, fusilado en consejo de guerra y a D.Francisco Prego, activista al servicio de Casares Quiroga, y en la cual se consignan las siguientes frases alusivas a la represión sangrienta de los intentos y preparación por entonces del Glorioso Movimiento Nacional que luego sobrevino “…de común acuerdo operar con mano segura para que ciertas enfermedades no vuelvan a retoñar. Quedamos con moito afán por saber o resultado do parto…”
- Al advenir el Glorioso Alzamiento Nacional, como dirigente izquierdista de la villa, quiso oponerse al triunfo del ejército y al verse perdido huyó con dirección desconocida abandonando su destino.

Recupera a súa praza no Ministerio de Educación e imparte escola en San Xosé de Ribarteme (As Neves) entre os anos 1957 e 1960. Despois voltará a Esteiro donde coincidirá co tamén mestre Victor Campio Pereira. Durante toda a longa noite de pedra franquista foi coñecedor do mundo exterior a través dun potente aparato de radio que tiña agachado no faiado da súa casa da Grais, pola que escoitaba as novas do exilio español e mesmo da BBC coa que fixo algunha colaboración.

Xosé Tobío Maio faleceu en 1971, co dictador vivo e sen albiscar aínda a alborada democrática que viviría o estado español nos anos setenta.

Nesta etapa final da súa vida foi cando coñeceu a Victor Campio Pereira, un xoven profesor que chegaba a Esteiro e ao que Conroa lle encomendou o manuscrito da súa novela que quedara sen publicar en 1936 e que el refixera posteriormente. Pasados outros vinte anos, a principios dos anos noventa, o escritor Campio Pereira púxose en contacto coa sociedade Esteirana para intentar cumplir o compomiso adquirido co autor de publicar “…cando se poidera…” a novela “O frade das dúas almas”. Por aquela, nós andábamos embarcados no proxecto da revista a Motora dos Canedos e aínda que economicamente non éramos quen de sufragar nen a publicación da nosa revista a idea pareceunos fantástica. E mesmo creamos unha comisión que tiña a intención non solo de publicar esta novela, senón de poñer en valor toda a obra e a figura deste insigne escritor esteirán.
Neste eido, a tripulación da Motora, entre os que estaban os actores Xosé Manuel Olveira, Francisco Cernadas Veloso, Víctor Fábregas e un amplio grupo de xente capitaneada polo mestre Xosé Agrelo Hermo, non fomos quen de publicar esta novela. O noso esforzo acadou uns froitos moi cativos pois solo conseguimos múltiples copias das poesías e algunha fotografía de Conroa, uns artigos sobre o escritor de Victor Campio e do profesor Alonso Montero para a nosa revista. E a autorización da neta para que a asociación cultural Canedos poidera publicar a obra de Xosé Tobío Maio. Pero penso que o noso esforzo mereceu a pena e que serviu humildemente para que a xente non se esquencera do escritor e acolla agora con ilusión a publicación da novela inédita de Conroa.
Gracias e noraboa a Victor Campio Pereira e a Editorial Galaxia por cumplir este vella faena que supuxo a angueira de varias xeracións de esteiráns entre as que eu me inclúo.

4 comentarios:

d. a. dijo...

Souben de Xosé Tobío Mayo a través de Víctor Campio Pereira que, cunha enorme xenerosidade, foime contando cousas da súa vida relacionadas co galeguismo, entre as que destaca a súa relación con Tobío Mayo. Na segunda parte da novela "Ramón Piñeiro. Os días ocultos" falo desas lembranzas de Víctor Campio. De feito, o primeiro capítulo está centrado nunha visita de Campio a Tobío e nos recordos que van xurdindo ("O frade das dúas almas", a estancia de Tobío na Arxentina, etc.).
Víctor Campio xa me falara da próxima publicación d'O frade das dúas almas' en Galaxia, algo do que me alegro moito, pois considero que é unha obra que aporta en diferentes ámbitos, non só no literario, senón tamén no antropolóxico e no lingüístico.
Pregunteille a Víctor Campio se hai algunha sociedade cultural en Esteiro ou Muros para lles enviar a novela, pero polo que lle entendín, a Sociedade Cultural Esteirán xa non existe. Se hai algunha outra, agradeceríacho que mo dixeses para lles enviar a novela.
De novo expresar a miña alegría por esta publicación, que é, sen dúbida, un acto de xustiza.

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Anónimo dijo...

Ana Mari é a súa neta...

Mila González Maceiras dijo...

Cando tiven que catalogar a obra, na Biblioteca de Vigo, lembreime de cando traballaba en Muros e do que me tiñas falado de Xosé Tobío Mayo e da obra "O frade das dúas almas".
Espero que a poñan como fondo local da biblioteca. Un saúdo dende Moraña.

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet