HOMENAXE A AGRELO




Resúltame moi dificil falar de Pepe Agrelo en pasado. Son tantos os proxectos en común que aínda temos cocendo no forno que vai alá máis dun ano do seu pasamento e aínda non me dou acostumbrado. Foron tantas as tardes de maquinar, de idear, de preparar choios que xa non vou ser quen de levalos adiante eu solo. Acórdome agora da arrancadeira, do camiño do solpor, da historia dos cataláns, dunha representación de Matria do noso admirado Álvaro das Casas. Non sei como vou facer coa súa ausencia.

En homenaxe ao mestre conseguimos elaborar este primeiro cabodano unha nova singradura da MOTORA dos canedos. Intentamos seguir con fidelidade o espíritu co que naceu a revista naquela tarde de outuno ao redor duns vasos de viño do ribeiro no local da esteirana. Como sempre trátase dunha singradura breve. Pois a nosa navegación sempre foi costear. Sair de alborada co vento terraliño ata o profundo e regresar a porto no serán coa axuda da maraxe. É unha publicación pequena de homenaxe na que participamos algúns amigos e alumnos. Poucos porque as nosas bodegas non nos permiten estibar máis carga. Pero hai moito mar e haberá outras singraduras, seguro.

Ao igual que a maioría dos veciños de Esteiro eu tamén penso que Agrelo merécese un recoñecemento de carácter permanente na nosa comunidade. Unha estatua que recorde o seu traballo ás vindeiras xeracións. E mesmo propoño que a súa figura forme parte dunha orde de figuras exemplares, boas e xenerosas, que pola nosa banda sempre se chamaron “patrianos dos de tres en cunca”.



1 comentario:

RIODERRADEIRO dijo...

Ao benquerido amigo, en realidade, era imposible facerlle homenaxes nin agasallos, porque era sempre el quen se nos regalaba coa súa presencia.

Disque xa no está, disque...Agrelo
perpetúase en nós, que endemais deixaremos de recrealo e de querelo.

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet