QUÉ PASOU EN MUROS NO 2007?



Pero qué pasou en Muros…
Esta era a pregunta que me facían os meus amigos no verán do 2007. Sabedores do meu vello compromiso nacionalista e de esquerdas, vían en min a un defensor do acordo PSOE-BNG para o goberno dos concellos de Galiza. Ante a resposta dubitativa dun xa sabes como é a política local. Ou de que nos concellos sempre hai especificidades que condicionan todas as actuacións políticas. Incluso a apelación máis profunda de que o pacto para os concellos foi asinado na dirección correcta pero non tanto así no sentido adecuado. Que este tipo de acordos teñen que establecerse máis de abaixo arriba e non tanto de arriba cara abaixo, etc… Estas improvisadas argumentacións, eran respondidas polos meus amigos con un cómplice xa falaremos máis polo miúdo noutra ocasión que nos vexamos.

Todo esto foi agromando na necesidade de darlle unha explicación a consecución da alcaldía de Muros por parte de Domingos Dosil despois que recibir o apoio dos concelleiros do Partido Popular. Algo que fun aparcando por diversos motivos persoais pero que rexurde agora, en 2009, pola lectura dunhas declaracións de Xaquín Fernández Leiceaga. Un político ao que respeto profundamente e ao que lle unen lazos de amistade co meu irmán Xaquín.

O deputado socialista decía no xornal La Voz de Galicia (31/05/09): “…e temos dous lunares que nos gustaría resolver ben, que son os de Muros e Porto do Son. Deberíamos ter a alcaldía nestes concellos, pero por unha decisión incomprensible do que é o noso socio de goberno noutros sitios impediu chegar a alcaldía…”.

Eis, unha breve explicación para comprender o por qué en Muros pasou o que pasou, naquel verán de 2007.

Os resultados das eleccións municipais de maio de 2007 outorgáronlle ao PSdG-PSOE seis concelleiros, catro ao BNG e tres concelleiros ao PP. En ausencia de maiorías absolutas o novo goberno municipal debería sair dun acordo entre partidos ou da reedición dun novo goberno en minoría do PSdG-PSOE, como xa ocurrira no último tramo da anterior lexislatura.

Logo dunhas tímidas negociacións entre o PSdG-PSOE e o BNG; callaría un goberno municipal coaligado entre o BNG e o PP. Este acordo sería posible por varios factores:

1º. Axudaría a cultura política existente na cidadanía muradana. Maioritariamente non belixerante e acostumada a formación de gobernos municipais coaligados. Logo da experiencia de acordos en pasadas lexislaturas entre partidos ideoloxicamente moi distintos. Nos últimos doce anos xa houbera pactos de goberno entre PSOE-BNG, PSOE-PP e de novo PSOE-BNG.

2º. Tamén axudou a actitude do PSdG-PSOE, que confiando en acadar a maioría absoluta nos comicios electorais non propiciou o entendemento cos nacionalistas ata que xa se coñeceron publicamente a existencia de negociacións entre o BNG e o PP. Un posicionamento dos socialistas, se cadra, avalado polas súas espectativas electorais. Durante a campaña circulou unha enquisa financiada pola Mancomunidade Serra do Barbanza que mostraba a enorme satisfación do electorado co goberno muncipal de Caridad González e albiscaba unha maioritaria intención de voto para os socialistas.
No último tramo da lexislatura o PSdG-PSOE practicamente expulsara aos nacionalistas do goberno municipal. Unha ruptura do pacto de goberno entre socialistas e nacionalistas que se producía por segunda vez en dez anos. E que provocaría a desconfianza e o distanciamento entre os antigos socios. Que se presentarían ante o electorado anunciando a súa disposición a non reeditar ningún acordo de goberno na vindeira lexislatura. Aínda que no seo do PSdG-PSOE, e mesmo en certos sectores nacionalistas, confiaban en que os concelleiros do BNG finalmente apoiarían a investidura de Caridad González, mesmo sen entrar a formar parte do goberno municipal cos socialistas. Todo esto en virtude do acordo asinado para toda Galiza polas executivas do PSdG-PSOE e do BNG.

3º. Resultaría tamén beneficioso para o acordo a renovación feita no seo do Partido Popular. Os novos líderes conservadores interpretaban a súa estadía no goberno municipal como a mellor plataforma para consolidar o seu liderazgo no partido. E mesmo para recuperar un electorado propenso a apoiar nas eleccións municipais aos independentes do CDI. Un electorado que maioritariamente nestes últimos comicios se decidira pola candidatura de Caridad González.

4. Resultou asemade importante a decisión dos concelleiros nacionalistas, apoiada unanimemente pola súa asemblea local, de chegar a un acordo co PP, mesmo correndo o risco de resultar expulsados da propia organización política. Feito que finalmente non se chegaría a producir polo posterior desencontro entre nacionalistas e socialistas no seo da FEGAMP. Neste eido os concelleiros socialistas fixeron dende o principio unha presión importante a todos os niveis para lograr a caída do goberno de Domingos Dosil. Intentando deslexitimar o novo goberno, unha vez constituído, de forma sistemática e chegando incluso a movilizar a cidadanía en contra do goberno municipal. Esta estratexia de deslexitimación e belixerencia co goberno municipal continuou durante tempo e resultou amplificada por un medio de comunicación escrita moi favorable ás teses de Caridad González.

Penso que todos estes factores que conforman o que se pode chamar como as especiais circunstancias políticas do concello de Muros. Todo esto, xunto coa necesidade de dar entrada a aire fresco e dun goberno municipal autenticamente novo, máis transparente e respetuoso coa cidadanía. Estes foron probablemente os elementos fundamentais que máis propiciaron o acordo entre dous partidos políticos ideoloxicamente tan diverxentes como o BNG e o PP. As dúas organizacións políticas centráronse nun acordo de xestión municipal conservando os partidos unha total autonomía e liberdade nos seus posicionamentos políticos.

No hay comentarios:

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet