O amigo, Nicolás Maio, nova promesa do xornalismo, pediume unha breve colaboración miña nun traballo que está facendo sobre a vila de Muros. Espero que lle valese:
«MUROS: O ADORNO DO MAR.
A vila de Muros forma parte do mesmo corazón das rías galegas. En canto a beleza natural destas rías podemos recordar a súa orixe divina. Xa que, según conta a lenda, foron formadas polo mesmo creador que unha vez rematada a súa tarefa, quixo contemplar a súa obra e apoiando a man sobre a terra cos seus cinco dedos foi como Deus creou as rías baixas galegas.
A ría a que Muros pon o seu nome xurde ao abrazarse o río Tambre co océano Atlántico. Abarcando na súa bocana dende o espectacular Monte Louro polo norte ata o enigmático castro celta de Baroña polo sur. A vila de Muros sitúase no interior da ría, ao abrigo do cabo Rebordiño, conformando un porto natural dos máis bonitos de Galicia.
Muros constitúe un auténtico «adorno do mar». Esta é, moi posiblemente, unha das expresións máis acaídas para definir a Muros. Foi acuñada polo poeta local, Xosé Tobío Maio, no libro Espiñas que publicou durante o seu exilio arxentino en mil novecentos corenta e un.
Contemplando o escudo de Muros podemos facer un breve repaso pola súa longa historia. O león e o castelo constitúen o recordo da dependencia da vila aos soberanos de Castilla. Foi o rei Sancho IV el bravo o que en 1286 aprobou o real privilexio que outorgaba o alfoz de Muros para o territorio que se sitúa entre as desembocaduras dos ríos Xallas e Tambre. As vieiras refírense a dependencia da vila á mitra compostelana. Foi en 1298 cando Muros deixou de ser vila de realengo por donación do rei Fernando IV ao arzobispado de Santiago de Compostela. A carabela lembra a participación en 1487 dos navíos muradáns na conquista de Málaga. O engadido de moi humanitaria, ao de vila moi noble e moi leal, foi concedida polo rei Borbón logo do acollemento na vila aos naúfragos do buque Cardenal Cisneros en 1905.
O visitante a Muros poderá observar edificios e elementos de todos os estilos arquitectónicos simplemente con un pequeno recorrido polas rúas da vila. Sen ánimo de facer unha relación exhaustiva resulta de xustiza nomear expresamente a colexiata de Santa María do Campo e o santuario da Virxe do Camiño como as edificacións máis relevantes de Muros. Pero a vila de Muros conta con un extenso número de monumentos que o visitante descubrirá logo duns sinxelos paseos pola vila. En Muros pódese disfrutar dunha das máis típicas fachadas marítimas de Galicia. Xa que conta con un dos cascos históricos máis extensos e mellor conservados do país.
A tradición mariñeira da vila está perfectamente reflexada na súa fachada marítima ao longo de toda a antiga rúa do mar. Esta rúa sería renombrada nos primeiros anos da transición democrática como avenida Castelao, na honra do insigne galeguista. Se cadra nos políticos muradáns daquel tempo pesou algo a intención de desmontar un dito que durante moitos anos circulaba polos portos do litoral galego. O conto era que un grupo de mariñeiros que estaban xuntos no peirao comentaban o recente naufraxio dun pesqueiro e o rescate dos seus tripulantes. Cando se preguntaban pola procedencia dos naúfragos, do grupo salía un que contestaba: “eran todos galegos menos o patrón, que era de Muros”.»
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario