Conversa con D.XOSÉ AGRELO HERMO


Pequeno adianto da que probablemente sería a derradeira entrevista de D. Xosé Agrelo Hermo (1937-2006). Conversa que sairá publicada dentro de pouco tempo nunha revista - homenaxe que se está elaborando para a lembranza e o recoñecemento do noso singular compañeiro e mestre.


- Como foron os teus inicios co nacionalismo?


A min colléronme no setenta e cinco. Practicamente integráronme dentro da organización -foi Eleuterio-. Eu xa non era un rapaz, xa tiña trinta e sete anos. Era un home xa maior. Parece ser que foran porque eu dirixía o teatro Candea (…).


A selección de militantes facíase case sempre en base a dúas cousas: unha era o uso da lingua. Fixábanse na persoa que nun principio tivera certa influencia e certa capacidade de liderazgo, que fora fiel a lingua primeiro. E outra que foras moi bo profesional, tamén. Era no que se fixaba moito a xente. Cando se ía a captación estábamos en plena clandestinidade. Polo tanto ninguén se podía apuntar a un grupo político nin a nada. Senón que ías a captalo, ías a collelo… Entón mírabase de facer uns contactos directos. Mirábase como respiraba, en principio... polo menos cando eu xa estiven no Consello Nacional. E cando me captaron a min, por exemplo, Eleuterio Formoso empezou a ir con nós ao teatro. El non facía teatro, decía podo ir convosco e ía. Dentro do grupo de teatro Candea xa había unha militante….


- Falemos un pouco da transición…


Era duro no setenta e oito decirlle á xente que a Constitución era mala. Cando estiveras reclamando sempre por unha Constitución (…) E distinguirlle que era españolista. Ahí xa tiñas que decirlle que era boa para España pero non para nós. Entón ahí viña o conflicto de que che entenderan. Que no fondo non era máis que eso: «esto é España, e nós non somos España. Nós somos unha nación. Estamos dentro dun estado que lle chaman España, pero nós somos distintos, vivimos nun país distinto». Non era máis que isto, solo con que entenderan isto, xa estaba. (…) Que en Euskadi, abstivéranse. Cando uns amigos de Herri Batasuna, non sei se era Herri Batasuna daquela. Eu estaba por alí e aproveitaron para facer unha charla. A mín presentáronme como o home do “ez”. Eses tiveron os santos collóns -decía o presentador- de decirlle que non ó Estatuto, e nós abstémonos (…)


- Finalmente, poderías facer unha valoración persoal deste período.


A nivel individual, eu penso que ese traballo realmente si algo queda hoxe do nacionalismo, se o nacionalismo ten un respecto por parte da xente é gracias a aquelas accións. E ese rescoldo aínda segue. E que agora hai un retroceso en moitas cousas, na lingua…Pero que volves a recoller porque quedara aquél rescoldo do traballo (…)

Eu perdín moitísimo tempo, perdín moitísimos cartos…porque tiñas unha familia e non vías un céntimo, todo ía para alí. A vantaxe é que tiven unha compañeira que aceptou, porque outros…xente dunha valía extraordinaria, abandonaron os estudios…


Pero todo iso valeu a pena, porque iso, esa construción deste país eu penso que foron os cementos de todo isto, do que é o nacionalismo hoxe…

O DEVALAR DUNHA FORZA POLÍTICA ANTISISTEMA: BN-PG (1977-1982).

índice

1. Obxectivo do traballo.
2. A creación do BNPG.
3. A postura ante a reforma política.
4. As primeiras eleccións democráticas de 1977.
5. A Constitución Española.
6. As convocatorias electorais de 1979.
7. A xestación dunha nova fronte nacionalista.
9. Conclusión.



1. Obxectivo do traballo.
O traballo vai consistir no estudio do Bloque Nacional-Popular Galego. Unha unha forza política que foi creada en 1977 dende o nacionalismo galego coa finalidade de participar nos procesos electorais que ían ter lugar durante a transición democrática española.
Como veremos trátase da coalicción electoral entre dúas organizacións nacionalistas (ANPG/UPG). Que tiña por obxectivo sobardar o marco da Constitución de 1978 e que pulaba pola soberanía nacional de Galicia. Propoñendo como programa político as “Bases Constitucionais” para a participación da nación galega nun pacto federal do estado español.

A idea que se presenta no traballo é que foron os procesos de institucionalización que se derivan das sucesivas participacións nos comicios electorais. Os que van a supoñer un factor determinante para a moderación dos obxectivos perseguidos por este grupo político. Moderación que vai afectar tanto aos obxectivos, como a propia actuación política levada a cabo polos nacionalistas.
Se cadra este devalar o foi froito dun exercicio de realismo político. Ante as dificultades de superviviencia, a cativez dos resultados e pola necesidade de non ceder o espacio político aos outros partidos. Pero tamén se viu influído polas propias dinámicas da actuación política que se retroalimentaronn a si mesmas. E que fixeron avanzar a transición democrática. Pechando a porta ás posibilidades soberanistas que os nacionalistas arelaban Temos que pensar que se parte dun discurso en 1975 practicamente independentista. Para chegar no 1982 coa creación do BNG, a formar unha organización que pretende contribuir ao crecemento da conciencia nacional do pobo galego utilizando o marco institucional vixente.

O traballo articúlase en forma dun relato temporal dos feitos electorais máis destacables durante o período estudiado. Adobado coa interpretación de documentos propagandísticos do BN-PG e de revistas e xornais da época. Engadíndo finalmente ao traballo unha serie de entrevistas persoais con protagonistas directos deste proceso. Trátase observar as súa interpretación persoal deste proceso. Posto que todos cumplen a condición de que empezaron a militar no nacionalismo antes da creación do BN-PG e foron protagonistas directos do período.

2. A creación do BNPG.
O BNPG (Bloque Nacional-Popular Galego) foi creado en 1977 como unha alianza electoral entre dúas organizacións políticas nacionalistas: a UPG (Unión do Pobo Galego) e a ANPG (Asamblea Nacional-Popular Galega), co obxectivo de articular unha alternativa electoral soberanista á política autonomista que se ía abrir paso no proceso da transición democrática española.
2.1. A UPG.
A Unión do Pobo Galego é un partido que foi creado en 1964 por antiguos militantes do partido galeguista, da federación de mocedades galeguistas e esgazadados do consello da mocidade e do PCE. O obxectivo político da UPG pasaba pola implantación dunha sociedade comunista en Galicia. O seu campo de actuación nunha primeira etapa restrinxiuse a comarca de Vigo e ós aspectos máis teóricos da revolución socialista e a conseguinte toma do poder polo proletariado. Co seu lema «Por unha Galicia Ceibe e Socialista» buscaban resumir nunha frase a análise política que facía a UPG.
A comenzos do ano 1975 no convencemento que a dictadura franquista non podía durar moito máis tempo e seguindo o principio teórico da autorganización nacional dos pobos colonizados, a UPG plantexou e potenciaría a creación dunha Asamblea Nacional destinada a proclamar o principio de autodeterminación do pobo galego e da que xurdiría un goberno provisorio destinado a operar lexitimamente dende o momento no que rematase a dictadura.
O primeiro de maio de 1975 a UPG asina unha declaración conxunta con ETA e PSAN (p) na que fan públicas estas propostas de creación de gobernos provisiorios para as tres nacións: galega, vasca e catalana. Así como a constitución dunha alianza política dos movimentos de liberación nacional[1].
Durante o mes de agosto dese ano de 1975 terá lugar unha dura represión policial sobre a UPG e o conseguinte desmantelamento da súa fronte militar, que empezaba a actuar en Galicia xunto con membros de ETA. Perpetraran un atraco a Caixa de aforros da Coruña, o roubo nas oficinas policiais do documento nacional de identidade de Lugo e preparábanse para cometer atentados en Galicia. O desmantelamento relacionouse co traballo de Gorka, un famoso infiltrado policial en ETA. O 12 de agosto morrería en Ferrol a disparos da policía Xosé Ramón Reboiras, ao que lle seguiría un longo rosario de detencións por toda Galicia. Finalmente catro militantes da UPG (Xosé Mª.Brañas, Manoel Fernández, Marisa Vázquez e Xan López) xunto cos membros de ETA (Emilio Goitia e José Ignacio Villanueva) ingresaron no cárcere da Coruña coa petición fiscal de varios anos de cadea onde quedaran ata a aplicación en 1977 do decreto de amnistía para os presos políticos.
A raíz do golpe policial recibido a dirección da UPG refuxiouse en Portugal mentras que o proceso reformista da transición española seguía para adiante sen remisión. Unha vez acabado pola vía policial con este intento rupturista que parecía abogar claramente pola independencia de Galicia. A UPG nun exercicio de realismo político terá a necesidade de concurrir aos procesos electorais que se aveciñaban para estar presente e influir na sociedade galega. Polo que aínda dende a clandestinidade e conxuntamente coa Asamblea Nacional-Popular Galega impulsarán unha alianza electoral que lle permitise ao nacionalismo postular a autodeterminación nacional de Galicia. Esa será a alternativa que vai representar o BNPG.
2.2. A ANPG.
Foi creada en Portugal no mes de marzo de 1975 ante a inminencia do remate da dictadura franquista. E ao igual que a Assemblea de Catalunya, Assemblea del País Valenciá e Herrikoi Batasuna nacía coa finalidade de proclamar o dereito a autodeterminación dos distintos pobos existentes no estado. En preparación do previsible proceso de ruptura democrática que por aquela se albiscaba, a ANPG representaba unha fórmula para artellar unha alternativa patriótica na percura da liberación nacional de Galicia. Definíndose como un organismo destinado a conseguir o Poder Popular en Galicia e comprometéndose a loitar pola implantación dun goberno provisorio galego que asumiría o poder ata a convocatoria dunhas eleccións que estableceran unha asamblea constituínte de Galicia[2].
Os principios políticos mínimos que viñeron a definir a ANPG foron: autodeterminación, autogoberno, anticolonialismo, democracia, forzas políticas propias e intereses populares.
Unha vez que a reforma política española avanzaba sen remisión. Decidiuse seguir unha estratexia postulada xa a principios dos anos setenta polos teorícos da UPG[3] según a cal mesmo a autonomía servía no proceso de liberación nacional como unha fase previa de concienciación e afirmación nacional.
Aínda na clandestinidade as organizacións nacionalistas ANPG/ UPG crearon o BNPG para poder participar na convocatoria electoral do 15 de xuño de 1977. E así poder influir no proceso autonomista que por aquela se encetaba. Intentando condicionalo no sentido de esixir o cumprimento da alternativa que representaba o programa político das Bases Constitucionais da Nación Galega.
A ANPG demostrou unha importante capacidade de movilización, posta a proba nas campañas levadas contra as celulosas –Quiroga, Foz, Ponteareas, Negreira…-, contra a central nuclear de Xove, contra as expropiacións das Encrobas, contra o roubo da praia de Baldaio, e na celebración do “Día da Patria Galega”. Non sería legalizada ata o ano 1978 logo de facer unha campaña con recollida de milleiros de sinaturas na que demostraría a súa implantación en Galicia.

3. A postura ante a Lei para a Reforma Política.
A reforma propugnada polo goberno de Adolfo Suárez foi ratificada no referendo do 15 de decembro de 1976. O posicionamento da UPG e ANPG foi a de propugnar a abstención. A UPG era contraria a lei de reforma política porque non contemplaba os dereitos da nación galega e a súa posición pasaba pola ruptura democrática considerada como necesaria para que o pobo galego poidese ser dono de si mesmo[4]. Viñan de asinar en novembro a 3ª declaración conxunta ETA-PSANp-UPG na que consideraban irrenunciable a consecución da amnistía total e a implantación de gobernos provisorios para abrir procesos constituíntes nos que cada nación decidirá a forma de relacionarse cos demais pobos do estado.
Actuando dende a ilegalidade, practicamente non poideron facer campaña. Debido tamén a escaseza de medios cos que contaban. Empregaron as pintadas e os carteis debuxados polos propios militantes. Así como o reparto de planfletos feitos en multicopistas caseiras, tamén chamadas «vietnamitas», das que mesmo circulaban as instruccións de cómo poder confeccionalas.

4. As primeiras eleccións democráticas de 1977.
Co avance e consolidación da transición política española chegarán as eleccións xerais do 15 de xuño de 1977. A UPG e a ANPG terán que afrontar éstes comicios electorais aínda desde a ilegalidade. Crearán o Bloque Nacional-Popular Galego para participar nas eleccións coa finalidade de non quedar aillados socialmente e reducidos ao testimino-nialismo político[5]. Aínda que tiveron que facelo con enormes dificultades. O BN-PG creado como agrupación electoral para participar tivo que xuntar e presentar no Goberno Civil sinaturas verificadas notarialmente.
A participación electoral tiña para o BNPG a función de espallar a alternativa nacional-popular que representaban e no acto de presentación pública das súas candidaturas afirmaban que “a participación electoral é somentes un medio máis –e non o máis importante- para a organización das clases populares galegas e a clarificación dos obxectivos a conseguir para a liberación nacional e social do noso país” [6]. Polo tanto os criterios da loita electoral pasaban por facer visible a contradición da vía rupturista coas liñas estratéxicas dos partidos que pretendían a consolidación da democracia formal. O BNPG seguía asumindo o programa da ANPG fundado na necesidade de encetar un período constituínte con un Goberno Galego que executara as competencias recollidas nas BASES CONSTITUCIONAIS DA NACIÓN GALEGA. A campaña electoral estivo basada en espallar a idea que son as forzas políticas propias as que mellor poden defender os intereses do pobo galego. E que ningunha voz asumiu a defensa dos intereses populares do país a nivel parlamentario e institucional.
Candidaturas do BNPG ás eleccións do 15 de xuño de 1977 [7]
A Coruña
María Elvira Souto Presedo
Ramón López-Suevos
Luis Ríos Paredes
Fernando Camarot Veira
Hilario Leopoldo López Rego
Xan Bouzas Lariño
Xaime Custoia
Xosé Manuel Fernández Barcia
Xan Carballo Rodríguez
Ramón Valcarce Vega
Xosé Vilas Nogueira
Xosé Agrelo Hermo*
(*) entrevistado.
Lugo
Pedro Luaces González-Rosón
Xosé Manoel Pavón González
Emilio López Pérez
Miguel Campuzano Álvarez
Lois Diéguez Vázquez
Manoel María Fernández Teixeiro
Francisco López Quinte
Xosé Manoel Rodríguez Martínez
Ourense
Bautista Álvarez Domínguez
Antón Sánchez Riveiro
Fernando Pérez López
Marisa Vázquez Barquero
César Varela García
Francisco Carballo Carballo
Antón Fernández Sánchez
Antón Romasanta Vilarchao
Pontevedra
Francisco Rodríguez Sánchez
Xavier Alonso Pérez
Manoel Méndez Fraguas
Margarita Ledo Andión
Xosé Casal Rosendo
Pilar Allegue Aguete
Manuel Chao Terceiro
Manoel Martínez Rodríguez
Camilo Nogueira Román
Francisco Lores Santacecilia
Eladio Pérez González


Os resultados acadados nestes comicios foron moi cativos, algo máis de 27.000 votos, o que suporía un 2,4% do electorado. E nas análises internas postelectorais[8] desculparíase o fracaso do BNPG, entre outros motivos: polas dificultades coas que tiveron que afrontar a campaña, polos atrancos burocráticos para poder sacar adiante a candidatura do Bloque ante ilegalización da ANPG e UPG , pola falla de medios, a precariedade económica e pola contrapropaganda dos outros partidos que os presentaban como terorristas.
5. A Constitución Española de 1978 e a Autonomía de Galicia.
O BNPG mostrouse contrario a aprobación da Constitución española e tamén ao Estatuto de Autonomía de Galicia. Pediu o voto negativo no referendo para a aprobación da Constitución que se celebrou o 6 de decembro de 1978. Os votos «non» chergaron a unha media do 5,81% dos votos totais. A oposición nacionalista a Constitución supoñía un intento máis de non deixar consolidar en Galicia os obxectivos que perseguía a transición política española. Os nacionalistas utilizaron o argumento xustificativo da derrota na elevada abstención no referendo que sobradou o 51% para intentar restarlle lexitimidade á Constitución que resultaría aprobada co 39% de votos favorables.
En canto ao estatuto de autonomía de Galicia, a dialéctica política do BN-PG pretendía centrarse nunha disxuntiva AUTONOMÍA - BASES CONSTITUCIONAIS. Interpretando a reforma autonómica do estatuto como unha mera descenralización administrativa fronte a alternativa das Bases Constituciónais como un auténtico autogoberno basado na soberanía nacional.
Para o BNPG o estado estaba impoñendo unha política de rexonalización a través das autonomías. E o BNPG pediríalle ao pobo galego o voto negativo para o Estatuto de Autonomía convencido de que ningunha variante autonomista serviría para salvar a Galicia da súa servidume económica, cultural e social [9].
A participación en todos estes procesos electorais xurdidos durante a transición. E a pesar de mostrarse radicalmente en contra respondían a táctica de non deixar o campo libre a nivel electoral[10]. Esta estratexia electroal de oposición sistemática conseguiría que os militantes do Bloque fosen coñecidos como «os do non».
Candidaturas do BNPG ás eleccións xerais do 1 de marzo de 1979 [11]
A Coruña
Manela Fraguela Seoane
Xan Carballo Rodríguez
María do Carme García Negro*
Margarita Vázquez Veras
Eleuterio Formoso Lamela*
Carmen Entenza González
Xesúa Andrés López Piñeiro
Xesús Seixo Fernández
(*) entrevistado.
Xosé Agrelo Hermo
Xan Pombo Seoane
Xan Bouzas Lariño

Lugo
Pedro Luaces González-Rosón
Lois Diéguez Vázquez
Manuel Castiñeira Castiñeira
Xosé Ramos Rodríguezz
Manuel García Mel
Manoel María Fernández Teixeiro
Francisco Arrizado Yañez
Manuel Quintana González

Ourense
Bautista Álvarez Domínguez
Fernando Pérez López
Antón Sánchez Riveiro
Aristóbalo Quinteiro González
Xoaquín Méndez Anta
Norberto Tabarés Feixoo
Antón Fernández Sánchez
Emilio González Graña
Pontevedra
Francisco Rodríguez Sánchez
Francisco García Montes
María Teresa Conde-Pumpido
Manuel Martínez Rodríguez
Francisco Xavier Alonso Pérez
Xesús Chaves Fandiño
Pilar Allegue Aguete
Francisco Xavier Abalo Costa
Eladio Pérez González
Agustín Malvido Boullón
Isidro Paz Veloso

6. As convocatorias electorais de 1979.
Intentando fuxir da marxinalización o BNPG vai afrontar o ano 1979 coa necesidade de concorrer nos comicios electorais para ampliar a súa base social. E co obxectivo de acadar a relevancia política que outorga a presencia nas institucións. Os nacionalistas xustificaban a súa presencia na area política para manter vivo o debate nacionalismo-españolismo da única maneira posible unha vez que se asentaba a democracia en España. Aínda que impulsando unha formación non autonomista e mantendo un programa político que trascendía o teito consitucional. Neste sentido a UPG declaraba en febreiro de 1979 a liña política que compría seguir na que se decantaba pola presencia institucional: “nós estamos contruíndo o noso país, a nosa nación, dende hai moito tempo, da única maneira posible: organizandonos e combatendo en todos os frentes. Non imos deixar o electoral e parlamentario para o pseudonacinalismo embaucador e oportunista que intenta confundir as situacións con maniobras de diversión e engano, que encaucen ao noso pobo polos vieiros do neocolonialismo. Sabemos das dificultades da nosa liña política, pero tamén estamos certos da súa victoria final, que eisixe, aquí e agora, a eficacia e os éxitos a nivel parlamentario-electoral” [12]
Os resultados acadados nas eleccións xerais do 1 de marzo de 1979 foron algo máis de 63.000 votos non conseguindo tampouco desta ocasión obter presencia nas Cortes madrileñas.
En canto as primeiras eleccións municpais celebradas o 3 de abril dese mesmo ano1 1979. Neses comicios si que o BNPG obtivo uns importantes resultados conseguindo 260 actas de concelleiros en máis de 120 municipios de Galicia. Se cadra foron estas primeiras eleccións municipais as que mediron o alcance do movemento nacionalista durante toda esta xeira. Xa que estableceron uns números electorais que nalgunhas vilas non se acadarían ata bastantes anos máis tarde. O voto ao BNPG foi principalmente un voto rural. Evidenciando as dificultades que o discurso esquerdista do Bloque tiña para ser asumido pola pequena burguesía urbana.
Un pacto postelectoral entre o BNPG e os partidos de esquerda, co obxectivo apoiarse alí donde tivesen opcións de goberno permitiríalle ao nacionalista do PSG Domigos Merino acadar a alcaldía da cidade da Coruña. Ocuparía a alcaldía ata o ano 1981. Logo do golpe de estado do 23 de febreiro todos os grupos menos o Bloque-PSG aprobaron uha moción de apoio ao Rei e a Constitución. Con posterioridade o alcalde coruñés presentaría unha moción de confianza que foi rexeitada polo Pleno. Na elección do novo rexedor será a UCD quen acade a alcaldía.
7. A xestación dunha nova fronte nacionalista.
Logo do golpe de estado do 23 de febreiro de 1981 e das conseguintes dificultades que xurdirán para as organizacións nacionalistas. Xa que dende moitos sectores serán culpadas de supoñer un argumento para as teses involucionistas. Nas eleccións ao Parlamento Galego, o BNPG formou unha coalición co PSG, intentando afondar na unidade do nacionalismo e enfeblecer progresivamente a presencia das forzas políticas de ámbito estatal en Galicia. A coalición baseouse na idea de que Galicia é unha nación, no carácter popular do nacionalismo galego e na defensa do dereito de autodeterminación que se concretaba nun programa de soberanía nacional.
Utilizando o marco institucional vixente pretendían contribuir ao crecemento da conciencia nacional do pobo galego. A súa intención era superar o marco autonómico cualitativamente pola vía dos feitos.
Acadarían acta de deputado, Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido. Tres deputados que posteriormente serían privados dos seus dereitos como parlamentarios no Parlamento de Galicia por negárense a xurar ou prometer fidelidade á Constitución española. Nun episodio de mimetismo coa actuación do Parlamento do estado que probablemente sexa dos máis arbitrarios da história autonómica galega.

No ano 1982 producirase unha auténtica devacle electoral para o BNPG nas eleccións xerais do 28 de outubro. Uns comicións que foron moi mediatizados polo golpe de estado do 23 de febreiro de 1981. E pola conseguinte polarización do «voto útil». Xa no V Plenario da ANPG celebrado no mes de abril vai acordarse facer un chamamento a partidos, colectivos e persoas contrarios ao modelo da constitución española e do estatuto de autonomía e que estean interesadas na loita pola soberanía nacional de Galicia a participar na articulación dun novo proxecto organizativo que unise ao nacionalismo. En maio constituirase unha comisión xestora aberta integrada nun principio polas organizacións ANPG, Galicia Ceibe, PSG, UPG, ERGA, Asamblea de Nacionalistas, Colectivo Libertario Arco da Vella, Grupos de independetes de Coruña (2), Santiago (1), Vigo (1), Condado (1). Esta comisión tivo o obxectivo de realizar as propostas sobre os principios políticos e o esquema organizativo da nova organización. Consideraban que tiñan cabida no proceso todas as persoas que asumiran o recoñecemento plurinacional do estado español e o recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións que o compoñen[13].
Como remate deste proceso nacerá o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, no transcurso da coñecida como a Asamblea de Riazor que se celebrou na Coruña os días 25 e 26 de setembro de 1982. Unha organización nacionalista que representa na actualidade aproximadamente o 20% do electorado de Galicia.
________
[1] Declaración Conxunta de ETA, PSAN (p) e UPG. Terra e Tempo, nº30 / maio 1975.
[2] Chamamento e declaración política da ANPG. 1975.
[3] Encol da Autodeterminación. Edicións Terra e Tempo nº8. 1972
[4] Terra e Tempo nº41. 1977.
[5] ANÁLISES E RESOLUCIÓNS POLÍTICAS. UPG II Congreso. Edicións Terra e Tempo.1979.páx.17.
[6] Teima, nº19.Abril 1977.páx.6.
[7] Terra e Tempo, nº45.Maio 1977.
[8] Comunicado da Dirección Nacional da AN-PG encol das eleccións. 1977.
[9] Postura do Bloque ante o estatuto de Autonomía.Impr.La Ibérica.Santiago.1979.
[10] O pobo galego unido frente aos monopolios a ao colonialismo. IV Plenario ANPG. Edicións Ceibe. Páx.47. Decembro 1979.
[11] Terra e Tempo, nº44.Febreiro 1979.
[12] “A voz galega no parlamento” en Terra e Tempo nº64, páx3. 1979.
[13] “Chamamento para a unidade do nacionalismo” en Ceibe. nº51, páx.12. 1982.
@ Francisco Abeijón Núñez. Xuño 2006.

O VERÁN DE 1936 EN MUROS.

Co señor Lino Tieles nunha entrevista en Muros.

Agora que se celebra o 70º aniversario do inicio da Guerra Civil española. E que este ano 2006 foi declarado como o ano da memoria parece de xustiza lembrar a todos e cada un dos represaliados pola dictadura do xeneral Franco. Eu aproveito este espazo que me ofrece a revista Alameda para ter un recordo especial en lembranza dos «paseados» de Muros.

Morrer «paseado» foi o destino de moitos demócratas no verán de 1936 como consecuencia do golpe de estado perpetrado polo xeneral Franco e a conseguinte paz de cemiterios que o novo réxime ía instaurar.

Os cargos públicos e a maioría da xente moi identificada coa causa republicana de toda esta comarca fuxiron por mar dende Muros a bordo dos vapores Santa Eulalia e Santa Rosa na madrugada do 26 de xullo. Galicia estaba xa perdida e coas columnas falanxistas pisándolles os talóns o grupo de milicianos muradáns retrocedía nos vehículos que requisaran a penas uns días antes entre os propietarios da vila. Partiron coa intención inicial de ir defender a capital coruñesa e viaxaron a bordo dos coches requisados na vila de Muros entre os propietarios: Antonio del Sel Carranza, Dolores Romero Viro, Alonso Lamela Cernadas, Alfonso Goyanes Sotelo, Alfonso Vigil Escalera, Ramón Artaza Malvarez e Adolfo Sel Portillo. Agardaban tamén amarrados no porto de Muros requisados dende o 24 de xullo os barcos “Antonio Pérez”, “Genoveva” ou “Joaquín Iglesias” e “La Riveiriña”. Pero finalmente decidirán embarcarse nos dous bous máis grandes chegados ao porto solo unhas horas antes. Nos vapores Santa Eulalia e Santa Rosa propiedade do industrial conserveiro muradán Antonio Pérez chegarían a Bilbao o 28 de xullo.
Entre as persoas que fuxiron atopábanse os recoñecidos republicanos Manuel Tobío Romaní, José Veloso Mayo e José Tobío Mayo de Esteiro, Manuel Mayo de Abelleira, Juan Malvárez Baamonde, Pedro García Fernández, Juan Malvárez Pérez, de Muros, José Sendón Sendón da Virxe do Camiño e Juan Martínez Vidal de Serres. Xunto con máis compañeiros entre os que se atopaban tamén as autoridades de Noia, os mineiros de Lousame e traballadores da madeira de Outes. Partiron con rumbo a Bilbao onde seguirán loitando pola legalidade da república. Posteriormente coa derrota militar toda esta xente veríase abocada ao exilio ou a cumprir condena nas prisións franquistas.

Quedaría encargado do despacho das tarefas da alcaldía muradá o concelleiro veciño de Abelleira Eugenio Lestón Muros. Cargo que ocuparía a penas uns días. Ata a toma de posesión o 30 de xullo do novo alcalde Adolfo del Sel Portillo. O primeiro alcalde franquista parece ser que era un vello coñecido do xefe da columna militar rebelde posto que estudiaran xuntos en Pontevedra.

O mes de agosto sería especialmente duro para os mestres. Os mestres foron acusados de sementar o espírito republicano nos cativos. E o republicanismo era considerado polos golpistas como un bicho que corrompía os valores tradicionais. No boletín oficial da provincia do 11 de agosto apareceu unha circular do delegado militar de instrucción pública da Coruña na que se pedía aos concellos a emisión dun informe sobre os mestres de cada distrito da provincia. Este informe foi conformado en Muros con celeridade e enviado a Coruña ao día seguinte, o 12 de agosto. Aínda que posteriormente ese informe mesmo sería ampliado o 18 de agosto. A penas uns días máis tarde chegarían as destitucións dos mestres identificados en maior ou menor medida coa causa republicana. Primeiro foi a suspensión de emprego e soldo para don José Ballesta Serrano –mestre do pósito de Louro-, dona María Membrela de Baño e don Joaquín Fernández Cambeiro, de Tal. Despois a declaración de destitución e cesantía definitiva na súas escolas para don Francisco Rodríguez Suárez e don José Tobío Mayo, entregadas as súas esposas por ausencia deles. Posteriormente a destitución de don Andrés Sánchez Toro -mestre de Bornalle- e as de dona Carmen Alonso Puente e don Paulino Núñez Arenas, mestres de Esteiro e Riomaior. As notificacións a estes dous últimos non puideron facerse por atoparse os interesados «ausentes e en ignorado paradoiro». Xa no mes de setembro chegaría o cese definitivo para dona María Agustina Rico Lago –mestra de Torea- e a suspensión para dona Sofia Merejo Vázquez, de Serres. Así como a destitución para Libertad Alonso Puente, mestra da escola de nenas de Esteiro. O mestre do pósito de Louro que recibira primeiro a suspensión de emprego, será cesado definitivamente o 8 de setembro. Xunto con Manuel Alonso Asorey –mestre de Esteiro- que por aquela tampouco estaba xa no seu domicilio. Finalmente non puido notificarse a destitución a don José Álvarez López –mestre de Louro-. E o escrito sería devolto con un lacónico «non foi posible facer a entrega ao interesado por ter falecido o primeiro do actual». Efectivamente o mestre de Louro foi «paseado» o primeiro de setembro e abandonado á beira do camiño que sae do lugar cara ao monte. Do camiño que vai de Louro cara a Taxes. Un camiño que tristemente dende aquela recibe o nome da corredoira do mestre. En lembranza do asasinato daquel mozo natural da Santa Comba que tivo a desgracia de morrer «paseado» no verán de 1936.
Desgracia que tamén experimentou Pedro Priegue Priegue. Este home de sesenta e seis anos era veciño do lugar do Riomao na parroquia de Torea. Foi detido o 15 de agosto acusado de dispoñer de emblemas comunistas e de agachar na súa casa ao garda municipal republicano Manuel Lago Ramos, tamén coñecido por Outeiro. Estivo no depósito municipal de Muros ata que o 22 de agosto foi trasladado para a prisión compostelá. Durante a viaxe na costa de San Xusto (Lousame) será «paseado» e abandonado á beira da cuneta. O señor Pedro de Torea era un home moi coñecido en Muros, dotado con unha gran preparación que adquiriu na emigración americana. E o seu asasinato causará unha auténtica conmoción na Vila e en todo o concello.
Na noite anterior, amañecendo o 21 de agosto, tamén sería abandonado á beira da estrada nun punto limítrofe entre os concellos de Muros e de Outes o cadaleito de outro «paseado». Na zona coñecida como a Arnela. Situada na parroquia de Esteiro apareceu o cadáver con dous tiros na cabeza de don Luis Barrena y Alonso de Ojeda. Este avogado natural de Siguenza, na provincia de Guadalaxara, e con residencia na madrileña rúa de Alberto Aguilera, contaba corenta e un anos de idade. Acostumaba a veranear en Muros dende había algúns anos en compañía da súa dona Carmen Doval del Campo e dos seus fillos. Segundo contaban os vellos na vila era un home de moita prestancia que gustaba de pasear as tardes polo peirao de Muros para mirar os mariñeiros. Parece ser que trabou confianza con vellos patróns muradáns como o señor Juan do Trono e con Corre que chove. Aos que gustaba de ir comprarlle os peixiños e falar con eles das cousas do mar.
Nas eleccións gañadas pola Fronte Popular de febreiro de 1936, Luis Barrena conseguira unha acta de deputado pola circunscrición de Melilla, en representación de Izquierda Republicana.
Tamén houbo xente que fuxiu agachándose nos montes por temor a represión dos vencedores. Este foi o caso de Lino Tieles Blanco, a quen tiven a sorte de entrevistar con máis de noventa anos. E felizmente conservaba unha memoria privilexiada que me serviu de fonte esencial para este traballo. Lino Tieles estivo fuxido e acollido por amigos e familiares de Torea e Abelleira ata a súa detención do 17 de decembro. Unha vez preso en Muros foi trasladado á Coruña, onde será condenado e ingresado na prisión provincial. De regreso a Muros, volta a clandestinidade e protagonizará unha épica fuxida por mar a Francia que pola súa singularidade espero ter a ocasión de relatarvos nunha vindeira ocasión.



@ Francisco Abeijón Núñez. Maio 2006.

Loitar por un posto de traballo en Calvo.



«Temos que loitar para que se manteñan os postos de traballo», foi o comentario dun xubilado dos que estoicamente fan o seu turno de garda pola noite na porta da factoría que a empresa conserveira Calvo ten na parroquia de Esteiro (Muros). Os traballadores da Conserveira de Esteiro fixeron un chamamento de axuda e colaboración a todos os veciños para facer garda na porta da fábrica a fin evitar o traslado da maquinaria. E alí están por turnos ininterrupidamente as vintecatro horas do día dende o pasado venres 24 de febreiro. Con esta medida intentan impedir o desmantelamento da factoría. Un desmantelamento que lentamente xa hai tempo que se ven producindo, pero que agora parece definitivo co traslado das liñas de latóns de atún e tarros de vidro para a fábrica que o pasado mes de xaneiro Calvo inaugurou en Puerto La Unión (El Salvador). Quedando a fábrica de Esteiro case en exclusiva para o procesado de mexillón. De xeito que os traballadores temen pola supervivencia dunha empresa con cerca de oitenta de traballadores fixos, outros sesenta “fixos discontinuos”. Sumando a fábrica na actualidade un total de douscentos postos de traballo directo contando tamén os traballadores eventuais. Realmente parece moi dificil que a empresa poida garantizar os postos de traballo si se adica exclusivamente a un producto de temporada como é o mexillón que polas súas propias caracteristicas naturais solo pode ser procesado durante unha serie de meses cada ano.
O grupo Calvo foi creado en 1944 pola famila carballesa Calvo. Na actualidade conta con cerca de tres milleiros de traballadores repartidos por todo o mundo. Dispón de plantas en Carballo e Esteiro en España, no Aiun no Sahara Occidental, en Venezuela, en Sao Paulo (Brasil) e no Salvador. Ademais é o propietario dunha flota de once barcos atuneiros.
En España a empresa conserveira é lider en vendas con unha cuota de mercado do 17 por cento. Mantén unha importante facturación en países como Portugal, Italia e Brasil.
Conta con máis de setenta referencias de productos no mercado baixo as marcas Calvo, Razo, Nostromo (Italia) e Gomes da Costa (Brasil).
Coa deslocalización da producción desta empresa conserveira, iniciada hai algúns anos, perdéronse moitos postos de traballo na fábrica matriz da firma carballesa e agora esta ameaza planea sobre a Conserveira de Esteiro. Donde se está procedendo ao desmantelamento progresivo da compañía dende hai uns meses. A firma está desmontando as liñas de producción para ser envíados as outras factorías que o Grupo Calvo ten en América aducindo motivos de baixa rendabilidade.
Ante esta realidade, unha parte do Comité de Empresa, a formada polos delegados Marimena Santiago, Carlos Canay e Felisa Montes de CC.OO. e Xosé Freire da CIG, recollendo un sentimento maioritario dos traballadores de que é necesario movilizarse, facer algo e non deixar pasivamente que desaparezan os postos de traballo da única empresa con máis de dousentos traballadores nunha zona especialmente deprimida, con problemas de despoboamento e coa emigración como única saída para a xuventude.
E así, a pesar da pasividade da maioría do Comité de Empresa formada por seis delegados da UGT que inicialmente negaron o problema da deslocalización da empresa. Os traballadores decidiron concentrarse ininterrumpidamente diante da porta da fábrica para evitar o traslado da maquinaria. Un traslado que está decidido e que estaba previsto para finais do pasado mes de febreiro a través dun mercante que aos efectos agardaba amarrado no peirao de Laxe. Como ben decía o vello mariñeiro, coñecedor do que ocurriu coa mariña mercante «hai que loitar para que se manteñan os postos de traballo».

@ Francisco Abeijón Núñez. Febreiro 2006.



CEN ANOS DE «MOI HUMANITARIA» VILA DE MUROS.

O 28 de outubro de 1905 perderíase sen víctimas ao tocar os baixos dos Meixidos o cruceiro “Cardenal Cisneros”. Tratábase dun barco de 106 metros de eslora e 7500 toneladas de desprazamento, con seis caldeiras de vapor que lle permitían acadar os 18 nós e con unha dotación de 550 tripulantes. Fora construído no arsenal de Ferrol por un importe total aproximado de quince millóns de pesetas. Era idéntico aos “Princesa de Asturias” e “Cataluña” botados nos estaleiros de La Carraca (Cádiz) e Cartagena respectivamente. Foran feitos coa intención de constituíren o máis claro expoñente dun hipotético rexurdimento da mariña española logo dos desastres de Santiago de Cuba e de Cavite. Tratábase dun barco novo que entrara en servicio en 1902 pero con deseño e artillería xa desfasados posto que a súa construcción proxectouse ao abeiro dunha Real Orde datada o 17 de setembro de 1888. En Ferrol, a obra de construción fora dirixida polo enxeñeiro xefe D.Manuel Hernández Pérez, auxiliado polo alférez de navío e enxeñeiro naval D. José Quintana Junco e o armamento do buque dirixeuno o enxeñeiro xefe de D. Manuel Rodríguez Rodríguez. A fasquía do barco e a súa pouca artillería mesmo chegarían a ser descalificados polo propio rei Alfonso XIII, según conta o estudioso en asuntos militares D.Alejandro Anca Armadillo.
O buque chegara a Muros logo dunhas manobras e zarpaba en baixamar con rumbo a Ferrol para carenar fondos e reparar as caldeiras. Con unhas condicións meteorolóxicas inmellorables, con tempo claro e co mar como un prato. O resto da escuadra composta polo “Princesa de Asturias”, o “Rio de la Plata” e o “Extremadura” zarpaban de Muros para Vigo ao mando do xeneral Santaló totalmente alleos ao destino que lle agardaba ao “Cisneros”. Segundo relatan as crónicas daquela, como por exemplo as de Jaime Solá director do Heraldo de Galicia, as de Luís Malvárez para “La Voz de Galicia” e “Noticiero” ou mesmo as do escritor Artaza. O “ Cardenal Cisneros” navegaba a 10 nós de velocidade cando contra as nove da mañán do 28 de outubro de 1905 unha laxa dos Meixidos desgarroulle a obra viva de xeito que sería imposible conter a inundación. O comandante señor Díaz Miranda ordenou o abandono do buque aos 544 tripulantes que ían a bordo e que se fixo con un desconcerto inicial e posteriormente en orde durante os tres cuartos de hora que aínda estivo a flote o Cisneros. Participaron do salvamento ademais do vapor “Argonauta”, o balandro “Méndez Núñez”, moitas lanchas de pesca do xeito, como as patroneadas polos muradáns Manuel Porrúa, Ricardo Caamaño e moitos outros.
Á pesar da busca e recoñecemento que posteriormente farían na zona os buques “Urania” da Comisión Hidrográfica e o cañoneiro “Marqués de la Victoria”, nunca aparecería a fatídica agulla non sinalada nas cartas coa que bateu o Cisneros según a versión dos protagonistas dos feitos exposta nas dilixencias sumariais practicadas ao efecto no salón de actos do concello de Muros, presididas polo xeneral Santaló e nas que participou como secretario o xefe de estado maior D.Manuel Dueñas. A versión resultante do actuado sería publicada en suplementos especiais nos xornais como La Voz, Heraldo de Galicia ou Noticiero Ferrolano:
“Que o sábado último ás cinco da madrugada saiu o Cardenal Cisneros da ría de Muros, a un andar de dez millas. Que sendo as sete cincuenta o acorazado, libre xa dos baixos de Bruyos arrumbou para pasar a dúas millas e media dos Meixidos. As oito viuse romper o mar pola aleta de estribor sobre ditos baixos. Entón sentíndose a bordo do buque unha tremenda trepidación. A máquina parou inmediatamente.
Practicado con rapidez un recoñecemento, puido apreciarse unha enorme vía de auga.(...)
O Cisneros comenzou a afundirse con lentitude pola proa. Cando chegou ao seu último tercio, o buque tomou a súa posición vertical, poñendo ao aire hélices e quilla. Despoios prodúxose un espantoso remuíño. Logo advertiuse unha columna ou tromba de auga seguida dunha explosión semellante a dun torpedo. Despois afundiuse por completo. Pénsase que ao afundirse reventou o casco.”
Parece máis realista darlle creto á versión expresada polos pescadores testemuñas do incidente; para os xeiteiros o “Cardenal Cisneros” afundiuse logo de chocar cos baixos de Meixidos no umbral da Costa da Morte, ben coñecidos polos navegantes. Os mariñeiros que relataron a perda do cruceiro acoirazado para o xornalista vigués do Heraldo de Galicia, contaban como eles estaban faenando cando o viron asomar o barco por Monte Louro e de súpeto comprenderon que levaba moi mal rumbo:
“- o barco viña perderse sen remedio, nós comprendiámolo e non podíamos evitalo. Primeiro pasou por unhas pedras chamadas Ximiela e que non está nas cartas españolas pero si nas inglesas e tivo a fortuna de non estrelarse. Pero despois arrumbou máis a terra. Xa antes pasara por dentro duns baixos. Nós comprendíamos que a bordo non se decataban do perigo. Como vían romper a laxe grande do Meixido críanse libres das pedras, e nós gritábamos con todas as nosas forzas, ata quedar roucos, e facíamos sinais cos panos. Éramos moitos barcos a dicirlles que se separasen. Pero de abordo pensaban que aquelas voces e aquelas sinais eran a despedida á escuadra que viñan de pasar algúns días en Muros...Dígolle a vostede que saltábamos sobre as lanchas. algúns chorábamos. O Cisneros íase sobre as pedras e nós víamos que ía a perderse”.

O Comandante do Cardenal Cisneros era o Capitán de Navío don Manuel Díaz Iglesias nacido en Cádiz o 17 de abril de 1848, que servira meritoriamente en Filipinas e como segundo no “Reina Cristina”. Faltáballe tan solo un mes de mando para estar en condicións de obter un ascenso. Pero a súa carreira profesional quedaría para sempre truncada logo deste naufraxio e de ser condenado o 25 de xaneiro de 1906 a un ano de suspensión de emprego. Coméntase que logo do naufraxio paseando abatido polos soportais de Muros declaraba que lle agardaba ter que pelear contra todos:“a pelear con toda España” decía-. Posteriormente sería destinado no Instituto de Hidrografía para encargarse de corrixir unha nova edición do código internacional de sinais.

A tripulación dende os botes se salvamento puido presenciar o afundimento do Cardenal Cisneros. O barco sumerxiuse primeiro de proa, levantando despois a popa e o cruceiro galego como lle chamaban os mariños afundiuse por completo sobre a banda de babor. Toda a escea durou cerca de dez minutos. Contaban os supervivientes que se os maquinistas non tivesen aberto o vapor das caldeiras a explosión sería enorme. E gracias a que os compartimentos estancos estaban pechados o afundimento non foi instantáneo logo do choque. Foi obxecto de grandes eloxios o comportamento do terceiro maquinista que con unha serenidade e precisión grandes retirou os fogos, evitando que a catástrofe tivera espantosas proporcións.
No primeiro momento prodúxose pánico entre a tripulación lanzándose a auga varios mariñeiros. Un deles Manuel Canosa de Fisterra bateu contra un canón antes de ir ao mar resultando gravemente ferido. O terceiro maquinista, Luciano Díaz, foi que lle deu saída ao vapor. O maquinista maior, Juan García, deu a orde de pechar os compartimentos estancos. O choque co baixo abrira un boquete de máis da metade da lonxitude do barco. Tres fogoneros resultaron feridos: Muíños de Ferrol, Parga de Sada e o catalán Palao. Tamén resultaron feridos un soldado de infantería de marina e un mariñeiro ao lanzar os botes a auga.
O terceiro comandante, señor Andújar, distinguiuse polo seu comportamento nestes momentos de perigo. Baixou á máquina a dirixir estas operacións que tiñan que facerse con urxencia.
A relación oficial de feridos quedou finalmente composta por Jesús Fernández, natural de Fisterra. Suárez de Navia. Peña de Pontevedra. Carbón da Estrada. Os tres leves. O mariñeiro de 1ª, Jesús Fernández, natural de Fisterra por caída sobre un cañón. O fogoneiro de 1ª, Constantino Suárez, natural de Navia con queimaduras. O soldado de infantería de Mariña, José Peñas, natural de Pontevedra con ferida na man esquerda ao arriar un bote. O soldado de infantería de Mariña, José Carbón, natural da Estrada con ferida no pe esquerdo ao arriado dun bote.
Embarcada a xente en nove botes e lanchóns, os primeiros foron remolcados polo vapor Argonauta ata Muros e 32 mariñeiros seguiron ata Corcubión a bordo do balandro Méndez Núñez que tamén acudiu a prestar auxilios nos primeiros momentos.
Cando chegou a tripulación ao muelle de Muros hora e media despois da perda do buque o alcalde –Sr.Louro, un vello mariño mercante- arengou aos veciños muradáns para que acollesen nas súas casas aos naufrágos. O Sr.Díaz Iglesias aloxouse na casa do Sr. Siaba, posto que según relato do xornalista Jaime Solá a muller do Comandante en días pasados regresando dun paseo fora sorprendida pola chuvia e tivera que acollerse no fogar dos señores Siaba. Recibira alí tantas atencións que ao voltar a Muros non quixo ir a outro sitio. Aloxáronse o resto dos mandos do Cisneros na casa do señor Manuel Riveiro e do propio alcalde Sr.Louro.
Arribaron a Muros os cruceiros Extremadura e Rio de la Plata, os canoneiros Marqués de la Victoria, Marqués de Molíns e Vasco Núñez de Balboa. Os tripulantes naufragos do Cisneros foron distribuídos en todos os barcos da escuadra. O xeneral Santaló tiña disposto enviar a Ferrol a mariñeiría, pero pola cerrazón que se advertira voltaron a terra para dormir no pobo.
Os naufragos estarían en Muros ata o día 30 de outubro. De volta rumbo para Ferrol ao atoparse o “Rio de la Plata” –barco no que ía o Comandante do “Cisneros”- fronte aos baixos Meixidos no lugar aproximado da catastrofe formáronse sobre a cuberta as dotacións de ambos buques e deuse lectura ao telegrama que o ministro de defensa dirixiu ao comandante xeral da división participándolle a satisfación que ao Rei lle causou o notable salvamento levado a cabo. O telegrama leído polo propio señor Díaz Iglesias, decía así:
“Ministro da Marina a Capitan xeral do Departamento.
Elevo a S.M. os nobres sentimentos que expresa telegrama de V.E. encargándolle transmita unha vez máis a testemuña de gratitude do Rei e da Patria para o seus subordinados cuia exemplar disciplina que admira e ensalza propios e extraños, evitou a terrible traxedia que sería para España esta desgracia irreparable.”

No ano seguinte, en 1906, a vila de Muros será obxecto do envío dunha fotografía do rei asinada polo propio monarca, dunha medalla para o señor Alcalde e pola concesión do título de «moi humanitaria» para a vila polo labor desempeñado no salvamento do buque “Cardenal Cisneros”. A Gaceta de Madrid do 9 de outubro publicará o decreto de concesión deste título:
“A S.M. el Rey (q.D.g) dignouse expedir por este ministerio real decreto seguinte.= Querendo dar unha proba do meu real aprecio á vila de Muros, provincia de Coruña, e tendo en conta os seus leais e heróicos antecedentes, así como a súa constante adhesión á monarquía constitucional, veño de concederlle os títulos de Moi Nobre, Moi Leal e Moi Humanitaria.= Dado en San Ildefonso a a vintenove de setembro de mil novecentos seis.=Alfonso.=O Ministro da Gobernación. Bernabé Dávila”.

O concello de Muros na sesión plenaria celebrada o 14 de outubro de 1906 acordou que se empregase no futuro este título de “Moi nobre, moi leal e moi humanitaria” no distintivo municipal de Muros para acadar así a súa perpetuación. Van alá cen anos.


@ Francisco Abeijón Núñez (03/10/2005).

A ILLA DA CREBA: ¿UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN?

A ILLA DA CREBA: ¿UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN?
Coa xudicialización dos asuntos de natureza política non se consigue máis que alonxar as posibles solucións para este tipo de problemas. Considerando que os procesos de xudicialización son unha consecuencia da adopción de estratexias que se empregan co obxectivo de retirar os asuntos do foco de atención pública no que se inserta o debate social. Adiando no tempo as posibles solucións tanto pola propia dinámica burocratizada do sistema xudicial, como polos elevados custos que comportan este tipo de resolucións. E polas especiais dificultades dun procedemento que está moi afastado da comprensión da cidadanía. Sen que ao cabo a xudicialización resulte de moita utilidade posto que a natureza política dos asuntos fai que a súa vixencia persista no debate social con independencia do rumbo que se marque nas sucesivas resolucións xudiciais.
Os procesos de natureza política soamente avanzan no camiño da súa resolución como resultado de accións políticas. Tanto na súa dimensión de adopción de decisións como tamén polas non decisións. Solo as accións políticas son quen de lograr resultados efectivos e de desencadear movementos de cambio na sociedade que ao cabo resultan ser a única maneira de albiscar solucións aos problemas de natureza política.
Imos meternos no caso da illa da Creba, un espacio característico de 65.398 m2 situado no medio da ría do Tambre. Trátase dunha paraxe privilexiada perfectamente visible dende todos os puntos da ría. Recoñecida na historia da comarca que nos relata innumerables lendas desta paraxe singular.
Ao longo do século XX esta illa sufrirá un proceso de privatización que vai a ser contestado pola sociedade civil da comarca. E moi particularmente polo vecindario da parroquia de Santa Mariña de Esteiro. Como teremos ocasión de ver as sucesivas actuacións que a administración pública adoptou neste asunto non foron quen de considerar unha solución definitiva. O caso da illa da Creba serve de exemplo paradigmático da actuación ineficaz dunha administración que non é quen de protexer os bens de natureza comunal.
Aínda que a privatización da illa da Creba empezaría a visualizarse nos anos corenta a raíz das accións xudiciais exercidas polos pretendidos donos co obxectivo de impedir o acceso que tradicionalmente viñan facendo os veciños de Esteiro. No que se podería considerar como unha explotación primitiva da illa. E que consistía fundamentalmente en «apañar a herba» e na «recollida de leña» no interior da finca. Este asunto sería resolto nunha sentencia do xulgado de Outes na que se daba por probado que
«...os veciños de Esteiro veñen na posesión e aproveitamento das leñas, esquilmos e herbas que produce espontaneamente a illa da Creba, a imitación e por continuación dos seus ascendentes por modo público e sen oposición de ninguén, incluso do denunciante...»1
Será, sen embargo nos anos oitenta coa construcción dunha gran vivenda cando este asunto se converterá en tema «cabezaleiro» na política municipal do concello de Muros. Manténdose como un asunto vivo, aínda que latente en certa medida, dende aquela. Sen dúbida pola implicación no tema dos partidos políticos da esquerda nacionalista, tanto no seu momento polo concelleiro do PSG-EG como polo BNG que conservaría a iniciativa na defensa pública da illa, mesmo levando as súas accións ao Congreso dos Deputados de Madrid. Hai que ter en conta que o apoio electoral do BNG na parroquia de Esteiro mesmo sobardou o trinta por cento do electorado, cáseque dez puntos porcentuais por encima da media no seu apoio electoral no conxunto do municipio.
O CERNE DO CONFLICTO:
A PROPIEDADE DA ILLA.
O problema xurdirá dunha eiva de natureza administrativa, como resultado da non inclusión da illa no inventario de bens da corporación municipal de Muros. A pesar de ser esta unha obrigación legal contida no regulamento de bens das entidades locais. A falta de inclusión de determinados espacios públicos no inventario de bens das corporacións non correspondería ningunha excepcionalidade e resultou ser unha práctica desgraciadamente habitual que a administración fixo con moitos dos «baldíos» existentes no ámbito do seu territorio. Terreos que si se mantiveron como espacios públicos foi en exclusiva polo respecto que a comunidade veciñal exerceu sobre os mesmos e con independencia da actuación das diferentes autoridades administrativas. Pola contra, ás veces, foi a propia administración pública, quen coas súas actuacións ou mesmo por non facer nada, procedeu en moitos casos a avalar apropiacións privadas de terreos públicos e incluso á partición dos bens entre o vecindario. Como ocorreu coas zonas de praia e monte de moitas parroquias.
A inclusión do solar da illa da Creba no rexistro da propiedade paradóxicamente foi feita no libro correspondente ao concello de Outes. Esta situación no termino municipal de Outes non vai a ser banal e terá consecuencias posteriores como teremos ocasión de ver máis adiante. A finca con nº.6609 inscribiríase en 1922 a favor de don TOMAS CANAY PEREZ e dona ENCARNACIÓN GERPE CANTORNA, proindiviso e por partes iguais
“... Tomas Canay Pérez e José Riveiro Gerpe, solteiro o primeiro e, o segundo, en concepto de representante legal da súa esposa Encarnación Gerpe Cantorna, maiores de idade, labradores e veciños dos lugar de Anceres, parroquia de Sabardes, no concello de Outes, acudiron ao xulgado municipal deste termino, solicitando acreditar a posesión na que se atopan desta finca...”2
En ausencia de título de propiedade vai xustificarse a posesión da illa por herdanza de cada unha das dúas partes, tamén polo pagamento dos recibos da contribución rústica incomprensiblemente do reparto correspondente a Outes, dun solar situado no concello de Muros
“...Acompañan a súa solicitude unha certificación expedida por don Antonio Mayo Especht, don Domingo Lourido Nieto e don Manuel Lamela Ameijenda, Alcalde, Síndico e Secretario, respectivamente, do concello de Outes, da que resulta segundo acta levantada ao efecto que por esta finca veñen pagando a título de donos a contribución correspondente a trinta pesetas de riqueza impoñible e polo concepto de rústica cada un dos seus posuidores Encarnación Gerpe Cantorna e Tomas Canay Pérez, e outra certificación deste Rexistro acreditativa de non atoparse inscrita a favor de persoa algunha a finca deste número...”3
E pola inexistencia de outra inscrición oposta a esta pretendida posesión no rexistro da propiedade
“...Tramitado expediente con amaño á lei, dictouse auto aprobado o vinteún de decembro de mil novecentos vintedous polo xuíz municipal don José Etchevers Rodríguez, ante o secretario suplente en funcións, don Juan González. Na súa virtude e non atopando no Rexistro ningún asento oposto ao solicitado e toda vez que se acompaña a testemuña que logo se dirá, certificación comprensiva de terse dado polo xulgado municipal de Outes coñecemento desta información posesoria practicada á autoridade económica da provincia e recibo da delegación de facenda xustificativo deste extremo, inscribo a posesión da finca deste número a favor dos TOMAS CANAY PÉREZ e ENCARNACIÓN GERPE CANTORNA, proindiviso e por iguais partes e sen prexuízo de terceiro que poida ter mellor dereito...”4
Polo que o rexistro da propiedade de Muros inscribe a finca situándoa no concello de Outes
“...Que a descrición completa da finca, segundo canceladaasento de anotación preventiva A –cancelado—a que se refire a inscrición precedente é como segue:
“Rústica.- Finca a toxeira denominada Illa da Creba, que radica en termos do seu propio nome, pertencente ao distrito municipal de Outes. Linda por Norte,Sur, este e Oeste, con ribeira do mar. ten de cabida cento oitenta ferrados, equivalentes a seis hectáreas, cincuenta e tres áreas e noventa e oito centiáreas...” 5

Esta posesión vai ser convertida en dominio no ano 1988 logo dun expediente que aos efectos será tramitado no xulgado de Noia. A corporación municipal de Muros acordará personarse neste proceso coa finalidade de formular a súa oposición ao mesmo. Extremo que sería acordado polo pleno da corporación muradán o 20 de maio de 1988. Nesta sesión convalidaríase un decreto anterior polo daquela alcalde socialista don Xosé Santiago Lago Hermida quedaba facultado para
“...exercitar as accións reivindicativas e máis que procedan para reivindicar a illa da Creba ou Quiebra a favor deste Concello...”6
Incomprensiblemente o concello de Muros non foi quen de facer valer os seus argumentos e o rexistro da propiedade procedería a anotación do dominio privativo da illa da Creba.
“...TÍTULO: Dita finca perténcelle, en canto á posesión, en virtude de auto dictado o 21 de decembro de 1922, polo xuíz municipal don José Etchevers Rodríguez, ante o secretario suplente don Juan González, segundo testemuña expedida polo secretario do xulgado municipal de Outes, o 26 de decembro de 1922. A posesión foi convertida en dominio en virtude de nota ao marxe da insrcipción primeira, con data 20 de febreiro de 1990, ao terse expedido certificación solicitada por don Emilio Penas Piñeiro.-...” 7
De xeito paradóxico, a administración cando procedeu en 1923 a realizar a anotación de posesión no rexistro da propiedade non tivo en conta a circunstancia de que a illa da Creba pertence ao concello de Muros e non está situada no termino municipal de Outes como de xeito repetido e intencionadamente erróneo vai a ser mantido en toda canta documentación sexa aportada polos pretendidos donos nos sucesivos expedientes administrativos que sexan tramitados. Enleando de xeito artificial unha correcta resolución dos mesmos. O deslinde entre os concellos de Muros e Outes fixérase tan solo tres anos antes en 1920. Marcando o límite entre os concellos de Muros e Outes pola praia da Arnela. De maneira que situaba inequivocamente a illa da Creba no termo municipal de Muros:
“...Décimo quinto mojón: Recoñeceuse como tal unha pedra natural irregular cuias maiores dimensións na súa parte visible son tres metros cincuenta centímetros de lonxitude por tres metros de latitude na súa base e dous metros de altura. está situada na praia da Arnela sendo bañada polas augas nas mareas altas, en terreo de monte alto de pinos propiedade de don Abelardo Dubert, veciño de Muros. Dende este mojón vese ao suroeste Portosín e non se ve o mojón anterior. a liña límite recoñecida entre este mojón e o anterior é a recta que os une. Este mojón é o último común aos termos municipais de Muros e de Outes, declarando a Comisión de Muros non ser necesario proseguir o sinalamento e igualmente declaran que o perímetro do termo de Muros está limitado a partir deste mojón pola beira N.O. da ría de Muros, pertencentes tamén a este termo municipal a illa da Creba e os illotes de San Antón e de Seixón, existentes en dita ría ata a súa desembocadura no océano Atlántico, continuando pola costa ata chegar ao mojón primeiro común aos termos municipais de Muros e de Carnota. Recoñecido polos concellos interesados o día 23 de xuño de 1920 ao levantar polo Instituto Xeográfico e Estatístico a acta de recoñecemento da liña de termo e sinalamento dos mojóns comúns de Muros e Carnota...
...En proba da súa conformidade asinan comigo a presente acta todos os señores mencionados e obríganse a selala nos respectivos concellos, na praia da Arnela a 2 de xullo de 1920...”8
Tampouco sería considerada esta circunstancia do emprazamento equivocado da illa no ano 1990 cando se procedeu a conversión da posesión do solar en dominio do mesmo. De xeito que no rexistro da propiedade de Muros está inscrita a illa da Creba no folio 184 do libro 71 de Outes.
En definitiva, a administración pública española en pleno século XXI é quen de localizar a illa da Creba simultaneamente nos concellos de Muros e no de Outes. Segundo se utilice como indicador de referencia o rexistro da propiedade ou o instituto cartográfico nacional.
AS OBRAS NA ILLA.
I. A CONSTRUCCIÓN DA CASA.
En canto a existencia de edificacións na illa contan as lendas e as crónicas históricas que en tempos houbo na illa unha capela que se dedicaba ao culto da virxe da Creba. E que mesmo en tempos estivo habitada por un ermitán.
A construcción da mansión que actualmente hai na illa empezouse a facer no ano 1981. Os primeiros trámites administrativos a estes efectos fixéronse no mes de marzo dese ano perante a Comandancia Militar de Mariña da Coruña, solicitando permiso para construcción dunha vivenda
“autorización para a edificación dunha vivenda unifamiliar na illa da Creba en Esteiro (A Coruña)”9
As obras empezaron sen autorización no tempo de verán. Fixéronse moi evidentes pola necesidade de ter que carrexar en barco diariamente tanto os operarios como os materiais necesarios na súa construcción. Constituíndo un auténtico escándalo político en Esteiro. Polo que o daquela alcalde de Muros, D.Paulino Lago Chouza, pertencente á UCD, decidiu decretar o 24 de agosto de 1981 a correspondente orde de paralización inmediata dunhas obras encetadas sen autorización.
Novamente vai empregarse a estratexia de situar a illa no termo municipal de Outes para acadar deste concello a finais de 1982 unha autorización para a construcción de dita edificación.
Trátase dunha licencia nula de pleno dereito posto que como vimos anteriormente a illa da Creba está fora do termo municipal de Outes.
Á parte de que a clasificación do solo da illa como «Espacio Natural Protexido» nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña, requirirá para a concesión da licencia de edificación un procedemento excepcional que non foi seguido en absoluto.
Asemade as sucesivas disposicións urbanísticas aprobadas tanto a nivel autonómico como municipal imposibilitarán a construcción de calquera tipo de edificación nas inmediacións da illa da Creba.
II. UNHA GRANXA MARIÑA DE CRÍA DE RODABALLO.
En paralelo coas obras de construcción da vivenda foi solicitada a autorización para instalar na illa dunha granxa mariña de cultivo de rodaballo. Precisando por ser imprescindible para esta finalidade a concesión dunha franxa de 5.140 m2 de terreos de dominio público marítimo terrestre para a instalación do parque de cultivos mariños. A concesión administrativa para a ocupación de dominio público finalmente será de 3.799 m2 e a licencia para a instalación da granxa mariña será outorgada por Orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Cultivos Mariños de 9 de xullo de 1987, publicada no Diario Oficial de Galicia, nº158 de 19 de agosto. Hai que salientar que este proxecto nunca chegaría a facerse realidade como tampouco callaría outra solicitude para instalar na illa outra granxa para o cultivo de ameixa. Mesmo podería interpretarse que estas explotacións de carácter pesqueiro nunca levadas a efecto agachaban en realidade unha intención puramente urbanística para solucionar o problema xurdido á raíz das obras de construcción da vivenda.
III. A CONSTRUCCIÓN DO PEIRAO.
De forma simultánea a estas solicitudes feitas na Xunta de Galicia para a instalación de sendas granxas de cultivos mariños tamén foi presentado en febreiro de 1990 o proxecto para a construcción dunha rampla de atraque para embarcacións e dous espigóns de defensa no Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo (MOPU) para a súa tramitación a través da Demarcación de Costas de Galicia. Estas obras precisaban da concesión administrativa de 1.870 m2 de zona marítimo-terrestre. O expediente na súa tramitación comportaría a exposición pública que sería anunciada o 27 de marzo de 1990 no xornal “La Voz de Galicia”, outorgando un prazo de trinta días para presentar alegacións a un proxecto que se podería consultar tanto nos locais que a Demarcación de Costas tiña na coruñesa praza de Pontevedra como na Alcaldía da Serra de Outes. Un anuncio deste tipo asinado polo xefe da Demarcación de Costas, o Sr. Eduardo Toba Blanco, que por unha banda situaba a illa da Creba no concello de Outes xunto co feito de que as obras estaban xa encetadas dende había tempo provocou o malestar e un certo escándalo na parroquia de Esteiro. De xeito que principalmente instancias do PSG-EG constituíuse o «Comité para a defensa da illa da Creba» e fixéronse varias accións de protesta, que incluíron mesmo unha «toma simbólica» da illa. Este Comité aportaría tamén ao expediente aproximadamente 700 sinaturas de oposición a dita concesión administrativa. Oposición que tamén mostraría o propio Concello de Muros tanto en sesións da Comisión de Goberno como no Pleno da Corporación10. Así como a alcaldía que procedeu a dictar o correspondente decreto de paralización das obras que se estaban levando a cabo na illa. Tamén a corporación noiesa e a confraría de pescadores se posicionaron en contra das mencionadas obras. Podendo considerarse que unha parte substancial da poboación e das institucións da zona manifestaron unha clara posición de defensa da illa da Creba.
Este expediente para a construcción dunha rampla de atraque provista de pantalán flotante protexida por dous espigóns de defensa que fora encetado en 1990 vai a ser reaberto posteriormente en 1997 á solicitude do propio interesado no que alegaba entre outras razóns a necesidade de realizar a obra porque que cada vez se lle facía máis dificultoso a acceso á súa vivenda. A diferencia do ocorrido anteriormente, agora o proxecto vai contar co informe favorable da Demarcación de Costas de Galicia. Informe no que o departamento dirixido polo Sr.Ricardo Babío Arcay afirmaba que as obras non tiñan ningunha incidencia sobre o litoral e mesmo xustificaba a posible pretensión de construír unha ponte que lle dera acceso á illa. O proxecto contará tamén co informe desfavorable do organismo correspondente da Xunta de Galicia, o Servicio Provincial de Costas daquela integrado na Consellería de Política Territorial, que estaba dirixido polo Sr. Prado del Valle. Tamén contou coa oposición do equipo de goberno municipal de Muros, integrado pola coalición entre o PSdeG-PSOE e o BNG. A corporación muradá aprobou a remisión de alegacións11 opoñéndose ao proxecto que se estaba tramitando en Madrid na Subdirección Xeral de xestión do dominio público marítimo-terrestre do Ministerio de Medio Ambiente. E que por aquela consistía xa no «acondicionamento e reparación de espigóns e rampla de atraque na illa da Creba», sen a existencia dun título que amparase a legalidade da súa construcción.
O interese mostrado no asunto polo deputado nacionalista do BNG, D.Francisco Rodríguez Sánchez, levou a aprobación unánime en marzo de 1999 dunha proposición non de lei12 adoptada no seo da Comisión de Medio Ambiente do Congreso dos Deputados na que se instaba ao Goberno da nación para que denegase a citada concesión e mesmo que se poidera obrigar a repoñer o dominio público ao seu estado natural anterior ao inicio das obras. Finalmente a solicitude de concesión sería resolta por orde ministerial no mes de maio de 1999 na que entre outros motivos se denegaba por non quedar acreditado interese público algún que poidese xustificar a utilización privativa do dominio público marítimo-terrestre nin a legalización dunhas obras que atentan contra un espacio natural protexido. Ao tempo que tamén se lle ordenaba á Demarcación de Costas para encetar a caducidade das concesións que estivesen abandonadas, así como para a demolición das obras feitas sen autorización. Contra esta resolución o afectado presentou recurso contencioso-administrativo correspondente perante a Audiencia Nacional. O recurso sería desestimado en abril do ano 2002 por sentencia13 na que a sala confirmaba integramente o acto impugnado. Sen embargo, ata hoxe, non foi executada esta sentencia a pesar da literalidade da mesma, nin do feito de que a Demarcación de Costas requirise a súa execución por escrito no mes de xuño do 2002. Execución a que legalmente quedaba obrigada a propia Demarcación de Costas de acordo co disposto no artigo 98 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
¿UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN?.
A pregunta parece pertinente debido aos moitos anos transcorridos dende que a privatización da illa da Creba se empezase a levar á cabo. A illa da Creba sitúase no medio da ría do Tambre e a súa visión dende calquera punto da costa serve de recordo permanente da ineficacia dunha administración que mesmo non é quen de defender os seus propios bens. Parece claro que a administración pública non se mostrou dilixente nas accións que emprendeu neste asunto. Nun primeiro momento desatendendo as súas obrigacións sobre os bens comunais, facilitando tanto por acción como por omisión o aproveitamento privativo da illa da Creba. E posteriormente embarcándose nunha dinámica xudicial que solo conseguiu alongar o debate do problema e enleando unha posible solución do mesmo. En caso da darlle creto ao que dicían os nosos vellos «que sempre vai ser mellor un mal amaño que un bo preito» e poñendo enriba da mesa unha intención clara de converter a illa nun espacio público. Nas diferentes estratexias que se poden adoptar mesmo habería unha vía de negociación tendo en conta como indicador de referencia para o hipotético pagamento, o prezo de expropiación que recentemente a Xunta de Galicia acordou pagarlles aos propietarios das fincas rústicas que na zona da praia da Arnela -en fronte a illa da Creba- resultan necesarias para as obras de amaño da estrada AC-550.


__________
(1) Sentencia do xulgado de Outes. 08/08/1942.
(2) Certificación do asento no rexistro da propiedade. 14/02/1976.
(3) Idem.2.
(4) Idem.2.
(5) Nota simple informativa do rexistro da propiedade. 20/12/1999.
(6) Decreto da alcaldía de Muros. 12/05/1988.
(7) Idem.5.
(8) Acta da operación praticada para recoñecer a liña de término e sinalar os mojóns comúns cos términos municipais de Muros e Outes. Instituto Xeográfico. 02/07/1920.
(9) Instancia de D.Emilio Penas Piñeiro. 04/03/1981.
(10) Comisións de Goberno de 29/03/1990 e 19/04/1990. Pleno da corporación de Muros. 15/05/1990.
(11) Pleno da coprporación de Muros. 29/04/1998.
(12) Proposición non de lei relativa á concesión para a realización de obras no dominio público marítimo terrestre da illa da Creba, no término municipal de Muros (A Coruña) presentada polo grupo parlamentario mixto (expte.161/001190). 23/03/1999.
(13) Sentencia Audiencia Nacional (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 1º), recurso nº694/1999. 05/04/2002.



@ Francisco Abeijón Núñez. (23/07/05).

EDUARDO ROMANÍ ABEIJÓN.

EDUARDO ROMANÍ ABEIJÓN. Un esteirán falecido no campo de exterminio KZ Gusen I (Mauthausen).

Neste ano no que por todo o planeta se están celebrando actos conmemorativos do sesenta aniversario da finalización da segunda guerra mundial. Imos lembrar brevemente o campo de concentración de Mauthausen en Austria. Que sería un dos campos de exterminio máis mortíferos do terceiro Reich alemán, ao que o infortunio levou alí a un veciño de Muros, Eduardo Romaní Abeijón. Un home que como moitos outros prisioneiros galegos en Mauthausen saíu da escuridade do descoñecemento gracias ao traballo de José Viale Moutinho.
Esta é a historia dun rapaz que en poucos anos pasaría de traballar de axudante de botica en Esteiro (Muros) a morrer nas montañas austríacas preto da cidade de Linz, na canteira do máis terrible campo de exterminio nazi.

Co inicio da IIª Guerra Mundial o goberno francés atoparía unha solución ao problema que representaban os centos de miles de republicanos españois que estaban refuxiados no seu territorio. Ofreceríanlle elixir entre o regreso á España de Franco ou o enrolamento voluntario no exército francés e en compañías de traballo. A maioría viron nesta segunda opción a posibilidade de seguir loitando contra o fascismo. Moitos foron destinados á liña Maginot para reforzar as fortificacións e serían ao cabo abandonados á súa sorte pola retagarda francesa logo da penetración das columnas blindadas alemanas. Nos primeiros meses do conflicto bélico serían enviados a campos de prisioneiros de guerra e tratados como tales. Posteriormente estes rotspanier –roxos españois- serían considerados «apátridas» e transferidos a campos de concentración –exterminio- baixo a tutela das Schuzstaffel (SS) para seren sometidos a traballos forzados. Foron distribuídos por campos de toda Europa, dende a illa de Aurigny -fronte ás costas normandas-; aos de Centroeuropa, Dachau, Flossenburg, Oranienburg, Ravensbrück, Buchenwald e Mauthausen; ou mesmo ata os do deserto norteafricano, Djelfa e Djenien-Bourerezg. Segundo todos os datos o campo no que se deu maior concentración de españois foi no de Mauthausen.
O campo de internamento de Mauthausen fora aberto en 1938 para a explotación dunha canteira próxima inicialmente con presos alemáns e austríacos. Desta canteira a empresa das SS “Deutsche Erc und Steinwerke GmbH” surtiríase de material para as obras de empedrado das rúas de moitas cidades alemanas.
Un dos primeiros traballos dos españois foi a construcción da escaleira que descende do campo central ata a canteira. A chamada «escaleira da morte» foi a causa dos moitos prisioneiros que morreron nela obrigados a subir os 186 escalóns cargados de pedra e sen ningunha consideración por parte dos guardiáns que remataban aos que desfalecían nos propios peldaños.O rexistro do campo mostra que o primeiro convoi con deportados españois chegaría a Mauthausen o 8 de agosto de 1940 e as cifras oficiais cuantifican as víctimas en 6502, aínda que outras versións falan de máis de dez milleiros os españois falecidos en Mauthausen.
O campo de Gusen está situado a cinco quilómetros do campo central e fora aberto en decembro de 1939 con internos procedentes de Dachau. Logo incrementaríase co envío de catrocentos presos de Mauthausen aos que lles dixeran que sería como «un hospital de curas». Pero a realidade sería moi diferente e en 1941 o KZ Gusen I converterase nun campo sen volta para os catro mil prisioneiros que albergaba por aquela. Cando o Reichsfuehrer SS Heinrich Himmler visitou o campo en abril de 1941, centos de internos morreran debido ás epidemias e mesmo faleceron 25 vixiantes do campo polas horribles condicións dentro de KZ Gusen I. Un sobrevivente, o Rav. Yechezkel Harfenes, lembraba nunha entrevista as horribles condicións que había no campo de Gusen: «como residente de moitos campos, podo dicir que Gusen era o peor. Esto non quere dicir que as condicións nos outros campos non foran terribles. Comparado a Gusen, sen embargo, un case pode dicir que eses campos eran paraísos. A proba desto puido ser que Gusen era un dos campos menos coñecidos. Esto non era porque fose máis pequeno que os outros –pode que incluso fose o máis grande-. Era descoñecido simplemente porque moi poucos dos dez de mil de presos enviados alí sobreviviron para contar a historia dos seus horrores».

Entre os prisioneiros que falecerían no verán de 1941 estaba EDUARDO ROMANÍ ABEIJÓN (Esteiro 16/04/1915, Gusen 08/07/1941). Este esteirán que no momento do seu desgraciado pasamento contaba apenas vinteseis anos nacera na ‘casa do chisco’ , no número 17 do lugar de Solleiros. Como me transmitiu nunha recente conversa o señor Francisco Tobío Abeijón da Inxuela, quen aos máis de noventa anos mantén unha lucidez verdadeiramente envexable. O señor Quico lembraba como o rapaz ‘Eduardo do camboñán’, que tiña o apelido Romaní por parte da familia dos Fielos. Era o último dos seis irmáns (María, Dolores, os xemelgos Xosé e Xoaquín, Camila e Eduardo) fillos do matrimonio formado por Francisco Romaní López e María Abeijón Figueiras. Lembraba como Eduardo traballou de axudante na botica que en Creo rexentaba por aquela don Octavio Roldán Cortés .Como foi mobilizado para a guerra civil no seu remplazo e como se falara que desaparecera na fronte; e máis nada se sabería no pobo de Esteiro sobre a súa vida. Cando lle dixen que morrera a principios dos anos corenta nun campo de exterminio do terceiro reich alemán, o señor Quico repetía polo baixo con un certo aire de melancolía «Éramos da mesma auga...aínda que non amigos, posto que el era algo máis novo ca mín...pero éramos da mesma auga...».
Ao falar de Mauthausen resulta de xustiza lembrar aquí a outro esteirán. Trátase de Ramón Bargueño, o marido de ‘Fina de Constanta’, un home que aínda que nacido nun pobo da provincia de Toledo chamado Recas foi un gran esteirán de adopción sempre preocupado polo movemento asociativo da parroquia e moi especialmente pola marcha da sociedade esteirana. Era coñecido como o «francés» posto de daquelas terras viña periodicamente a pasar as tempadas de verán na casa familiar situada no lugar de Uía. Ramón felizmente sobrevivira ao campo de Mauthausen. En algunha ocasión tiven a sorte de escoitarlle a súa historia da súa estadía neste campo, que deixou por escrito nun emocionante libro titulado: Mauthausen ¡¡nunca más¡¡ memorias del deportado nº3.183 Ramón Bargueño (mermelada). Trátase dunha edición non venal editada co único obxectivo de deixar constancia do terrible exterminio practicado polos nazis.

Francisco Abeijón Núñez.(29/07/05)

PEDRO PRIEGUE PRIEGUE




Recuperación da memoria histórica.

A morte do señor Pedro Priegue de Torea, «paseado» en 1936. Artigo publicado en La Voz de Galicia.








 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet