As coalicións de goberno no Concello de Muros no período 1995-2007.


Este traballo pretende acercarse ás coalicións de goberno local que se formalizaron no Concello de Muros (A Coruña) no período que vai de 1995 a 2007. O obxectivo será tratar de coñecer os principais motivos, as características dos executivos e os resultados que se obtiveron coa constitución de tres acordos de goberno local entre os principais partidos políticos galegos. Foron tres coalicións que lle permitiron ao Partido Socialista conservar ininterrompidamente a alcaldía de Muros durante este período. En 1995 gracias a un acordo entre o PSOE e o BNG. En 1999 por un acordo entre o PSOE e o PP. E en 2003 por un pacto de goberno subscrito outra volta entre o PSOE e o BNG. Aínda que en realidade estes tres acordos fructificaron en cinco executivos coaligados distintos debido a especiais circunstancias que suporían aos falecementos dos rexedores Xosé Lago e Celestino Formoso en plena vixencia dos seus mandatos. Este extremo obrigaría a renovar os acordos subscritos ao encetar a lexislatura, se ben con outros interlocutores distintos aos que formalizaran inicialmente os pactos de goberno. Imos centrarnos en clasificar os factores que posibilitaron a xestación dos sucesivos pactos de goberno. Intentar coñecer a importancia e o alcance dos mesmos dende un enfoque multidimensional. Polo que debemos ter en conta non soamente os factores ideolóxicos e a aritmética electoral. Senón tamén que pretendemos estudiar outras motivacións que puideron favorecer os acordos de goberno. Partindo da hipótese de que as coalicións de goberno fructificaron principalmente pola vontade de acordo e pola predisposición das elites políticas a entrar a formar parte do goberno a pesar das diferencias ideolóxicas e resolvendo todos os avatares experimentados en lexislaturas anteriores.
O estudio das coalicións.
A principal característica dun goberno de coalición é a presencia de máis dunha formación política no executivo. Para o estudio dos gobernos de coalición pódense empregar principalmente dous enfoques: por unha banda están as teorías formais, preocupadas por predecir os futuros gobernos de coalición con estudios centrados na aritmética electoral e nos factores ideolóxicos. E por outro lado están os enfoques multidimensionais centrados en explicar o funcionamento interno e a duración da coalición de goberno.
Se ben algunha dimensión -xurídica, institucional, electoral, sistema de partidos, cultura política, etc…- pode ter máis peso que outra. Todas as dimensións deben concibirse relacionadas entre si, inseríndose no funcionamento do sistema político.

A primeira liña de investigación sobre a creación dunha teoría de coalicións políticas nacería ao abeiro da teoría de xogos de Von Neumman e Morgenstern aplicada durante os anos cincuenta e sesenta do século vinte. A teoría de xogos abriu un campo enorme de posibilidades nas ciencias sociais. Os principais expoñentes foron Riker (1962) e Leiserson (1966). Para Riker a coalición gañadora sería a que se formase con un tamaño mínimo e co menor número de partidos. Engadindo Leiserson que os partidos con preferencias ou programas similares constituirían a coalición gañadora mínima de menor heteroxeneidade. O factor de negociación vai convertese en clave para acadar o acordo definitivo. Axelrod (1970) tamén ten en consideración a proximidade ideolóxica ao deseñar unha coalición gañadora mínima afín integrada por partidos próximos no espectro político. De xeito que a coalición exitosa non precisa ser necesariamente a coalición mínima.

Unha segunda tradición parte dos traballos de Duverger (1951) sobre as institucións e os partidos políticos. O modelo de Duverger resultaría paradigmático nos estudios europeos. O contexto europeo resultaría propicio para practicar un enfoque institucional e comparativo da formación dos gobernos tomando como base da política aos partidos. Mentres que nos Estados Unidos valorouse máis o coñecemento do comportamento dos líderes e dos grupos sociais e políticos nos procesos de negociación sobre o reparto de postos e a execución de políticas concretas. Os traballos de Duverger, Lijphart, Blondel, Rokkan, Linz e Sartori foron investigacións empíricas e teóricas comparativas que se centraron no proceso de formación de goberno no marco do sistema político xeral e do sistema de partidos. A análise dos partidos políticos constitúe o fundamento e o trazo máis peculiar das investigacións europeas de coalicións políticas. Os partidos son os protagonistas das alianzas. Pero as alianzas solo son posibles se a historia, a base social, a cultura política, a estructura e a ideoloxía o permiten.

En terceiro lugar atopamos unha tendencia de investigación sociopsicolóxica das coalicións creada por Caplow (1956), que continuarían Gansom (1961) e Chertkoff (1967). A partir dos anos cincuenta desenrolouse esta vertente nos estudios sobre coalicións coas investigacións en sociopsicoloxía que levaron a Caplow a traballar sobre xogos coalicionais dentro de grupos pequenos. Nesta mesma liña seguirían os estudios de Gamson e Chertkoff.

Finalmente hai que mencionar outra corrente teórica de estudios sobre a toma de decisións democráticas baseada no comportamento racional proposta nos traballos presentados por Downs (1957), Black (1958) e Buchanan e Tullock (1962).

Neste traballo vou empregar o esquema específico para a investigación das coalicións postelectorais nos gobernos locais deseñado polo profesor da Universidade de Santiago, Guillermo Márquez Cruz.

No hay comentarios:

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet