A ILLA DA CREBA: ¿UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN?

A ILLA DA CREBA: ¿UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN?
Coa xudicialización dos asuntos de natureza política non se consigue máis que alonxar as posibles solucións para este tipo de problemas. Considerando que os procesos de xudicialización son unha consecuencia da adopción de estratexias que se empregan co obxectivo de retirar os asuntos do foco de atención pública no que se inserta o debate social. Adiando no tempo as posibles solucións tanto pola propia dinámica burocratizada do sistema xudicial, como polos elevados custos que comportan este tipo de resolucións. E polas especiais dificultades dun procedemento que está moi afastado da comprensión da cidadanía. Sen que ao cabo a xudicialización resulte de moita utilidade posto que a natureza política dos asuntos fai que a súa vixencia persista no debate social con independencia do rumbo que se marque nas sucesivas resolucións xudiciais.
Os procesos de natureza política soamente avanzan no camiño da súa resolución como resultado de accións políticas. Tanto na súa dimensión de adopción de decisións como tamén polas non decisións. Solo as accións políticas son quen de lograr resultados efectivos e de desencadear movementos de cambio na sociedade que ao cabo resultan ser a única maneira de albiscar solucións aos problemas de natureza política.
Imos meternos no caso da illa da Creba, un espacio característico de 65.398 m2 situado no medio da ría do Tambre. Trátase dunha paraxe privilexiada perfectamente visible dende todos os puntos da ría. Recoñecida na historia da comarca que nos relata innumerables lendas desta paraxe singular.
Ao longo do século XX esta illa sufrirá un proceso de privatización que vai a ser contestado pola sociedade civil da comarca. E moi particularmente polo vecindario da parroquia de Santa Mariña de Esteiro. Como teremos ocasión de ver as sucesivas actuacións que a administración pública adoptou neste asunto non foron quen de considerar unha solución definitiva. O caso da illa da Creba serve de exemplo paradigmático da actuación ineficaz dunha administración que non é quen de protexer os bens de natureza comunal.
Aínda que a privatización da illa da Creba empezaría a visualizarse nos anos corenta a raíz das accións xudiciais exercidas polos pretendidos donos co obxectivo de impedir o acceso que tradicionalmente viñan facendo os veciños de Esteiro. No que se podería considerar como unha explotación primitiva da illa. E que consistía fundamentalmente en «apañar a herba» e na «recollida de leña» no interior da finca. Este asunto sería resolto nunha sentencia do xulgado de Outes na que se daba por probado que
«...os veciños de Esteiro veñen na posesión e aproveitamento das leñas, esquilmos e herbas que produce espontaneamente a illa da Creba, a imitación e por continuación dos seus ascendentes por modo público e sen oposición de ninguén, incluso do denunciante...»1
Será, sen embargo nos anos oitenta coa construcción dunha gran vivenda cando este asunto se converterá en tema «cabezaleiro» na política municipal do concello de Muros. Manténdose como un asunto vivo, aínda que latente en certa medida, dende aquela. Sen dúbida pola implicación no tema dos partidos políticos da esquerda nacionalista, tanto no seu momento polo concelleiro do PSG-EG como polo BNG que conservaría a iniciativa na defensa pública da illa, mesmo levando as súas accións ao Congreso dos Deputados de Madrid. Hai que ter en conta que o apoio electoral do BNG na parroquia de Esteiro mesmo sobardou o trinta por cento do electorado, cáseque dez puntos porcentuais por encima da media no seu apoio electoral no conxunto do municipio.
O CERNE DO CONFLICTO:
A PROPIEDADE DA ILLA.
O problema xurdirá dunha eiva de natureza administrativa, como resultado da non inclusión da illa no inventario de bens da corporación municipal de Muros. A pesar de ser esta unha obrigación legal contida no regulamento de bens das entidades locais. A falta de inclusión de determinados espacios públicos no inventario de bens das corporacións non correspondería ningunha excepcionalidade e resultou ser unha práctica desgraciadamente habitual que a administración fixo con moitos dos «baldíos» existentes no ámbito do seu territorio. Terreos que si se mantiveron como espacios públicos foi en exclusiva polo respecto que a comunidade veciñal exerceu sobre os mesmos e con independencia da actuación das diferentes autoridades administrativas. Pola contra, ás veces, foi a propia administración pública, quen coas súas actuacións ou mesmo por non facer nada, procedeu en moitos casos a avalar apropiacións privadas de terreos públicos e incluso á partición dos bens entre o vecindario. Como ocorreu coas zonas de praia e monte de moitas parroquias.
A inclusión do solar da illa da Creba no rexistro da propiedade paradóxicamente foi feita no libro correspondente ao concello de Outes. Esta situación no termino municipal de Outes non vai a ser banal e terá consecuencias posteriores como teremos ocasión de ver máis adiante. A finca con nº.6609 inscribiríase en 1922 a favor de don TOMAS CANAY PEREZ e dona ENCARNACIÓN GERPE CANTORNA, proindiviso e por partes iguais
“... Tomas Canay Pérez e José Riveiro Gerpe, solteiro o primeiro e, o segundo, en concepto de representante legal da súa esposa Encarnación Gerpe Cantorna, maiores de idade, labradores e veciños dos lugar de Anceres, parroquia de Sabardes, no concello de Outes, acudiron ao xulgado municipal deste termino, solicitando acreditar a posesión na que se atopan desta finca...”2
En ausencia de título de propiedade vai xustificarse a posesión da illa por herdanza de cada unha das dúas partes, tamén polo pagamento dos recibos da contribución rústica incomprensiblemente do reparto correspondente a Outes, dun solar situado no concello de Muros
“...Acompañan a súa solicitude unha certificación expedida por don Antonio Mayo Especht, don Domingo Lourido Nieto e don Manuel Lamela Ameijenda, Alcalde, Síndico e Secretario, respectivamente, do concello de Outes, da que resulta segundo acta levantada ao efecto que por esta finca veñen pagando a título de donos a contribución correspondente a trinta pesetas de riqueza impoñible e polo concepto de rústica cada un dos seus posuidores Encarnación Gerpe Cantorna e Tomas Canay Pérez, e outra certificación deste Rexistro acreditativa de non atoparse inscrita a favor de persoa algunha a finca deste número...”3
E pola inexistencia de outra inscrición oposta a esta pretendida posesión no rexistro da propiedade
“...Tramitado expediente con amaño á lei, dictouse auto aprobado o vinteún de decembro de mil novecentos vintedous polo xuíz municipal don José Etchevers Rodríguez, ante o secretario suplente en funcións, don Juan González. Na súa virtude e non atopando no Rexistro ningún asento oposto ao solicitado e toda vez que se acompaña a testemuña que logo se dirá, certificación comprensiva de terse dado polo xulgado municipal de Outes coñecemento desta información posesoria practicada á autoridade económica da provincia e recibo da delegación de facenda xustificativo deste extremo, inscribo a posesión da finca deste número a favor dos TOMAS CANAY PÉREZ e ENCARNACIÓN GERPE CANTORNA, proindiviso e por iguais partes e sen prexuízo de terceiro que poida ter mellor dereito...”4
Polo que o rexistro da propiedade de Muros inscribe a finca situándoa no concello de Outes
“...Que a descrición completa da finca, segundo canceladaasento de anotación preventiva A –cancelado—a que se refire a inscrición precedente é como segue:
“Rústica.- Finca a toxeira denominada Illa da Creba, que radica en termos do seu propio nome, pertencente ao distrito municipal de Outes. Linda por Norte,Sur, este e Oeste, con ribeira do mar. ten de cabida cento oitenta ferrados, equivalentes a seis hectáreas, cincuenta e tres áreas e noventa e oito centiáreas...” 5

Esta posesión vai ser convertida en dominio no ano 1988 logo dun expediente que aos efectos será tramitado no xulgado de Noia. A corporación municipal de Muros acordará personarse neste proceso coa finalidade de formular a súa oposición ao mesmo. Extremo que sería acordado polo pleno da corporación muradán o 20 de maio de 1988. Nesta sesión convalidaríase un decreto anterior polo daquela alcalde socialista don Xosé Santiago Lago Hermida quedaba facultado para
“...exercitar as accións reivindicativas e máis que procedan para reivindicar a illa da Creba ou Quiebra a favor deste Concello...”6
Incomprensiblemente o concello de Muros non foi quen de facer valer os seus argumentos e o rexistro da propiedade procedería a anotación do dominio privativo da illa da Creba.
“...TÍTULO: Dita finca perténcelle, en canto á posesión, en virtude de auto dictado o 21 de decembro de 1922, polo xuíz municipal don José Etchevers Rodríguez, ante o secretario suplente don Juan González, segundo testemuña expedida polo secretario do xulgado municipal de Outes, o 26 de decembro de 1922. A posesión foi convertida en dominio en virtude de nota ao marxe da insrcipción primeira, con data 20 de febreiro de 1990, ao terse expedido certificación solicitada por don Emilio Penas Piñeiro.-...” 7
De xeito paradóxico, a administración cando procedeu en 1923 a realizar a anotación de posesión no rexistro da propiedade non tivo en conta a circunstancia de que a illa da Creba pertence ao concello de Muros e non está situada no termino municipal de Outes como de xeito repetido e intencionadamente erróneo vai a ser mantido en toda canta documentación sexa aportada polos pretendidos donos nos sucesivos expedientes administrativos que sexan tramitados. Enleando de xeito artificial unha correcta resolución dos mesmos. O deslinde entre os concellos de Muros e Outes fixérase tan solo tres anos antes en 1920. Marcando o límite entre os concellos de Muros e Outes pola praia da Arnela. De maneira que situaba inequivocamente a illa da Creba no termo municipal de Muros:
“...Décimo quinto mojón: Recoñeceuse como tal unha pedra natural irregular cuias maiores dimensións na súa parte visible son tres metros cincuenta centímetros de lonxitude por tres metros de latitude na súa base e dous metros de altura. está situada na praia da Arnela sendo bañada polas augas nas mareas altas, en terreo de monte alto de pinos propiedade de don Abelardo Dubert, veciño de Muros. Dende este mojón vese ao suroeste Portosín e non se ve o mojón anterior. a liña límite recoñecida entre este mojón e o anterior é a recta que os une. Este mojón é o último común aos termos municipais de Muros e de Outes, declarando a Comisión de Muros non ser necesario proseguir o sinalamento e igualmente declaran que o perímetro do termo de Muros está limitado a partir deste mojón pola beira N.O. da ría de Muros, pertencentes tamén a este termo municipal a illa da Creba e os illotes de San Antón e de Seixón, existentes en dita ría ata a súa desembocadura no océano Atlántico, continuando pola costa ata chegar ao mojón primeiro común aos termos municipais de Muros e de Carnota. Recoñecido polos concellos interesados o día 23 de xuño de 1920 ao levantar polo Instituto Xeográfico e Estatístico a acta de recoñecemento da liña de termo e sinalamento dos mojóns comúns de Muros e Carnota...
...En proba da súa conformidade asinan comigo a presente acta todos os señores mencionados e obríganse a selala nos respectivos concellos, na praia da Arnela a 2 de xullo de 1920...”8
Tampouco sería considerada esta circunstancia do emprazamento equivocado da illa no ano 1990 cando se procedeu a conversión da posesión do solar en dominio do mesmo. De xeito que no rexistro da propiedade de Muros está inscrita a illa da Creba no folio 184 do libro 71 de Outes.
En definitiva, a administración pública española en pleno século XXI é quen de localizar a illa da Creba simultaneamente nos concellos de Muros e no de Outes. Segundo se utilice como indicador de referencia o rexistro da propiedade ou o instituto cartográfico nacional.
AS OBRAS NA ILLA.
I. A CONSTRUCCIÓN DA CASA.
En canto a existencia de edificacións na illa contan as lendas e as crónicas históricas que en tempos houbo na illa unha capela que se dedicaba ao culto da virxe da Creba. E que mesmo en tempos estivo habitada por un ermitán.
A construcción da mansión que actualmente hai na illa empezouse a facer no ano 1981. Os primeiros trámites administrativos a estes efectos fixéronse no mes de marzo dese ano perante a Comandancia Militar de Mariña da Coruña, solicitando permiso para construcción dunha vivenda
“autorización para a edificación dunha vivenda unifamiliar na illa da Creba en Esteiro (A Coruña)”9
As obras empezaron sen autorización no tempo de verán. Fixéronse moi evidentes pola necesidade de ter que carrexar en barco diariamente tanto os operarios como os materiais necesarios na súa construcción. Constituíndo un auténtico escándalo político en Esteiro. Polo que o daquela alcalde de Muros, D.Paulino Lago Chouza, pertencente á UCD, decidiu decretar o 24 de agosto de 1981 a correspondente orde de paralización inmediata dunhas obras encetadas sen autorización.
Novamente vai empregarse a estratexia de situar a illa no termo municipal de Outes para acadar deste concello a finais de 1982 unha autorización para a construcción de dita edificación.
Trátase dunha licencia nula de pleno dereito posto que como vimos anteriormente a illa da Creba está fora do termo municipal de Outes.
Á parte de que a clasificación do solo da illa como «Espacio Natural Protexido» nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña, requirirá para a concesión da licencia de edificación un procedemento excepcional que non foi seguido en absoluto.
Asemade as sucesivas disposicións urbanísticas aprobadas tanto a nivel autonómico como municipal imposibilitarán a construcción de calquera tipo de edificación nas inmediacións da illa da Creba.
II. UNHA GRANXA MARIÑA DE CRÍA DE RODABALLO.
En paralelo coas obras de construcción da vivenda foi solicitada a autorización para instalar na illa dunha granxa mariña de cultivo de rodaballo. Precisando por ser imprescindible para esta finalidade a concesión dunha franxa de 5.140 m2 de terreos de dominio público marítimo terrestre para a instalación do parque de cultivos mariños. A concesión administrativa para a ocupación de dominio público finalmente será de 3.799 m2 e a licencia para a instalación da granxa mariña será outorgada por Orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Cultivos Mariños de 9 de xullo de 1987, publicada no Diario Oficial de Galicia, nº158 de 19 de agosto. Hai que salientar que este proxecto nunca chegaría a facerse realidade como tampouco callaría outra solicitude para instalar na illa outra granxa para o cultivo de ameixa. Mesmo podería interpretarse que estas explotacións de carácter pesqueiro nunca levadas a efecto agachaban en realidade unha intención puramente urbanística para solucionar o problema xurdido á raíz das obras de construcción da vivenda.
III. A CONSTRUCCIÓN DO PEIRAO.
De forma simultánea a estas solicitudes feitas na Xunta de Galicia para a instalación de sendas granxas de cultivos mariños tamén foi presentado en febreiro de 1990 o proxecto para a construcción dunha rampla de atraque para embarcacións e dous espigóns de defensa no Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo (MOPU) para a súa tramitación a través da Demarcación de Costas de Galicia. Estas obras precisaban da concesión administrativa de 1.870 m2 de zona marítimo-terrestre. O expediente na súa tramitación comportaría a exposición pública que sería anunciada o 27 de marzo de 1990 no xornal “La Voz de Galicia”, outorgando un prazo de trinta días para presentar alegacións a un proxecto que se podería consultar tanto nos locais que a Demarcación de Costas tiña na coruñesa praza de Pontevedra como na Alcaldía da Serra de Outes. Un anuncio deste tipo asinado polo xefe da Demarcación de Costas, o Sr. Eduardo Toba Blanco, que por unha banda situaba a illa da Creba no concello de Outes xunto co feito de que as obras estaban xa encetadas dende había tempo provocou o malestar e un certo escándalo na parroquia de Esteiro. De xeito que principalmente instancias do PSG-EG constituíuse o «Comité para a defensa da illa da Creba» e fixéronse varias accións de protesta, que incluíron mesmo unha «toma simbólica» da illa. Este Comité aportaría tamén ao expediente aproximadamente 700 sinaturas de oposición a dita concesión administrativa. Oposición que tamén mostraría o propio Concello de Muros tanto en sesións da Comisión de Goberno como no Pleno da Corporación10. Así como a alcaldía que procedeu a dictar o correspondente decreto de paralización das obras que se estaban levando a cabo na illa. Tamén a corporación noiesa e a confraría de pescadores se posicionaron en contra das mencionadas obras. Podendo considerarse que unha parte substancial da poboación e das institucións da zona manifestaron unha clara posición de defensa da illa da Creba.
Este expediente para a construcción dunha rampla de atraque provista de pantalán flotante protexida por dous espigóns de defensa que fora encetado en 1990 vai a ser reaberto posteriormente en 1997 á solicitude do propio interesado no que alegaba entre outras razóns a necesidade de realizar a obra porque que cada vez se lle facía máis dificultoso a acceso á súa vivenda. A diferencia do ocorrido anteriormente, agora o proxecto vai contar co informe favorable da Demarcación de Costas de Galicia. Informe no que o departamento dirixido polo Sr.Ricardo Babío Arcay afirmaba que as obras non tiñan ningunha incidencia sobre o litoral e mesmo xustificaba a posible pretensión de construír unha ponte que lle dera acceso á illa. O proxecto contará tamén co informe desfavorable do organismo correspondente da Xunta de Galicia, o Servicio Provincial de Costas daquela integrado na Consellería de Política Territorial, que estaba dirixido polo Sr. Prado del Valle. Tamén contou coa oposición do equipo de goberno municipal de Muros, integrado pola coalición entre o PSdeG-PSOE e o BNG. A corporación muradá aprobou a remisión de alegacións11 opoñéndose ao proxecto que se estaba tramitando en Madrid na Subdirección Xeral de xestión do dominio público marítimo-terrestre do Ministerio de Medio Ambiente. E que por aquela consistía xa no «acondicionamento e reparación de espigóns e rampla de atraque na illa da Creba», sen a existencia dun título que amparase a legalidade da súa construcción.
O interese mostrado no asunto polo deputado nacionalista do BNG, D.Francisco Rodríguez Sánchez, levou a aprobación unánime en marzo de 1999 dunha proposición non de lei12 adoptada no seo da Comisión de Medio Ambiente do Congreso dos Deputados na que se instaba ao Goberno da nación para que denegase a citada concesión e mesmo que se poidera obrigar a repoñer o dominio público ao seu estado natural anterior ao inicio das obras. Finalmente a solicitude de concesión sería resolta por orde ministerial no mes de maio de 1999 na que entre outros motivos se denegaba por non quedar acreditado interese público algún que poidese xustificar a utilización privativa do dominio público marítimo-terrestre nin a legalización dunhas obras que atentan contra un espacio natural protexido. Ao tempo que tamén se lle ordenaba á Demarcación de Costas para encetar a caducidade das concesións que estivesen abandonadas, así como para a demolición das obras feitas sen autorización. Contra esta resolución o afectado presentou recurso contencioso-administrativo correspondente perante a Audiencia Nacional. O recurso sería desestimado en abril do ano 2002 por sentencia13 na que a sala confirmaba integramente o acto impugnado. Sen embargo, ata hoxe, non foi executada esta sentencia a pesar da literalidade da mesma, nin do feito de que a Demarcación de Costas requirise a súa execución por escrito no mes de xuño do 2002. Execución a que legalmente quedaba obrigada a propia Demarcación de Costas de acordo co disposto no artigo 98 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
¿UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN?.
A pregunta parece pertinente debido aos moitos anos transcorridos dende que a privatización da illa da Creba se empezase a levar á cabo. A illa da Creba sitúase no medio da ría do Tambre e a súa visión dende calquera punto da costa serve de recordo permanente da ineficacia dunha administración que mesmo non é quen de defender os seus propios bens. Parece claro que a administración pública non se mostrou dilixente nas accións que emprendeu neste asunto. Nun primeiro momento desatendendo as súas obrigacións sobre os bens comunais, facilitando tanto por acción como por omisión o aproveitamento privativo da illa da Creba. E posteriormente embarcándose nunha dinámica xudicial que solo conseguiu alongar o debate do problema e enleando unha posible solución do mesmo. En caso da darlle creto ao que dicían os nosos vellos «que sempre vai ser mellor un mal amaño que un bo preito» e poñendo enriba da mesa unha intención clara de converter a illa nun espacio público. Nas diferentes estratexias que se poden adoptar mesmo habería unha vía de negociación tendo en conta como indicador de referencia para o hipotético pagamento, o prezo de expropiación que recentemente a Xunta de Galicia acordou pagarlles aos propietarios das fincas rústicas que na zona da praia da Arnela -en fronte a illa da Creba- resultan necesarias para as obras de amaño da estrada AC-550.


__________
(1) Sentencia do xulgado de Outes. 08/08/1942.
(2) Certificación do asento no rexistro da propiedade. 14/02/1976.
(3) Idem.2.
(4) Idem.2.
(5) Nota simple informativa do rexistro da propiedade. 20/12/1999.
(6) Decreto da alcaldía de Muros. 12/05/1988.
(7) Idem.5.
(8) Acta da operación praticada para recoñecer a liña de término e sinalar os mojóns comúns cos términos municipais de Muros e Outes. Instituto Xeográfico. 02/07/1920.
(9) Instancia de D.Emilio Penas Piñeiro. 04/03/1981.
(10) Comisións de Goberno de 29/03/1990 e 19/04/1990. Pleno da corporación de Muros. 15/05/1990.
(11) Pleno da coprporación de Muros. 29/04/1998.
(12) Proposición non de lei relativa á concesión para a realización de obras no dominio público marítimo terrestre da illa da Creba, no término municipal de Muros (A Coruña) presentada polo grupo parlamentario mixto (expte.161/001190). 23/03/1999.
(13) Sentencia Audiencia Nacional (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 1º), recurso nº694/1999. 05/04/2002.



@ Francisco Abeijón Núñez. (23/07/05).

1 comentario:

O´Fartura dijo...

Ola:
En Singradura da Relinga imos a realizar a nosa aportación ao fomento do debate sobre a Illa da Creba.
Terás o comunicado que sacou hai xa uns anos a Comunidade de Montes que levaba por título "A Illa da Creba é Baldío" ou algo así.
Por favor, poderías poñelo como comment no noso blog? É para facer un post con el.
De antemán, grazas.
Asdo:Moncho

 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet